Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón retirar o enreixado que vai dende Lodeiro a Celeiro creando aparcamentos e carrilbici

Viveiro, 16 de xuño, 2021. O BNG propón quitar o enreixado existente que vai desde o antigo Casino até Celeiro para deixar un paso libre, aberto e de uso e desfrute da veciñanza. Un enreixado que non permite desfrutar da zona portuaria envidiábel coa que contamos, e tamén innecesario ao contar xa os pantaláns cos seus propios peches.

Creación de aparcamentos

A concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, asegura que quitar esta verxa suporía “unha oportunidade para novos usos públicos, tan só abrindo novos accesos para vehículos e peóns, está a oportunidade de crear aparcamentos nas zonas que están máis perto dos edificios, ambulatorio e comercio”.

Carrilbici

Entre as posibilidades que ofrecería abrir este novo espazo, os nacionalistas destacan tamén a “creación dun carrilbici que una Viveiro e Celeiro cunha vía cómoda e segura para bicicletas e patíns eléctricos”, afirmou Míriam Bermúdez.

Polo exposto, o BNG de Viveiro propón os seguintes puntos para a aprobación en pleno:

1.Realizar e acordar con Portos de Galiza e/ou administracións pertinentes, os trámites necesarios para quitar o enreixado instalado na LU-862 que comeza no antigo Casino de Viveiro cara Celeiro.

2.Solicitar e chegar aos acordos necesarios para a creación de prazas de aparcamento así como abrir novos accesos a este lugar que comuniquen as zonas máis próximas a edificios, Centro de Saúde e comercio da zona con este novo espazo.

3.Solicitar e chegar aos acordos correspondentes para crear neste tramo un carrilbici que una Viveiro e Celeiro.

Exit mobile version