Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro felicita aos seus deportistas de fútbol sala, rugby e atletismo polos seus éxitos

Viveiro, 14 de xuño de 2021. O Concello de Viveiro celebra os éxitos dos seus deportistas na pasada fin de semana, con importantes actuacións en fútbol sala, rugby e atletismo, destacando ademais a participación feminina e o deporte en idade escolar.

Dunha banda, o equipo da viveirense Lara Balseiro, o CD Burela Fútbol Sala, gañou esta fin de semana a Liga Nacional en Torrejón de Ardoz (Madrid). O club no que xoga Balseiro revalida o seu título de campión de Liga, sumando xa catro triunfos nesta competición.

Ademais, a viveirense foi a encargada de recoller o trofeo das mans do vicepresidente da Federación de Fútbol, Pablo Lozano.

Doutra banda, as integrantes da Escola Rugby Asterix Viveiro, campioas galegas Sub-14, disputaron en Madrid o Campionato Nacional de dita categoría. A pasada semana, o equipo fora recibido pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o edil de Deportes, César Iglesias. Tras varios enfrontamentos, incluíndo contra as gañadoras do campionato, as deportistas viveirenses remataron na 7ª praza.

Por último, o atleta viveirense, Adrián Ben, disputou xunto co seu equipo, o F.C. Barcelona, a última xornada da Liga Joma de Clubs de Atletismo en La Nucia (Alicante). O galego conseguía que o seu equipo lograse o subcampionato por clubs no ranking deste ano. Ben finalizou segundo na proba de 1.500 metros e logrou o triunfo para o seu equipo na remuda de 4×400 metros.

“É un orgullo contar con tanto talento deportivo en Viveiro, xa que os seus éxitos contribúen a destacar o noso municipio. O deporte é un aspecto esencial das nosas vidas e por iso dende o goberno local temos un forte compromiso con toda a actividade física”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Exit mobile version