Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Popular de Burela interésase sobre as inspeccións que están a realizar os técnicos da empresa concesionaria da auga

Burela, a 30 de xuño de 2021. O Grupo Municipal Popular de Burela fará unha pregunta no vindeiro pleno ordinario ante a denuncia pública efectuada por diversos negocios de Burela no referente ás inspeccións que técnicos da empresa Espina&Delfín -concesionaria do servizo da auga- están a levar a cabo, segundo lle indicaron eles mesmos aos donos dos negocios, por mandato do Concello de Burela.

Segundo anunciaron os empregados da empresa concesionaria, a inspección sobre os consumos de auga vaise estender ata a 60 negocios da vila.

Polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular e ante as declaracións efectuadas polos empregados desta empresa que sempre se comportou coa máxima seriedade, “queremos saber se o alcalde ten noticia desta situación, se foi o propio alcalde quen deu orde de actuar neste sentido ou se foi algún outro membro do equipo de goberno do Sr. Llano”.

Dende o Grupo Municipal Popular “entendemos que o alcalde debería dar explicacións convincentes, non xa a nós como representantes do pobo de Burela; senón, sobre todo, aos propietarios destes negocios que o pasaron tan mal ao longo desta pandemia e que agora se atopan con esta situación tan desagradable sen que dende o goberno municipal aporten ningún tipo de axuda económica para tratar de paliar as perdas sufridas por estes propietarios que son os que, en moitos sentidos, dinamizan Burela”.

Exit mobile version