Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo do Mar acolle este sábado unha reportaxe fotográfica de Juan Maya vinculada ó complexo de Alcoa en San Cibrao

Cervo, 14 de xuño, 2021. O estudante cervense Juan Maya explicará unha parte do seu traballo de fin de grao titulado ‘A fábrica entre nós’ o sábado ás 18:30 h e o vindeiro día 23 ás seis da tarde haberá outro acto no Museo Provincial de Lugo.

«A fábrica entre nós está composto por dúas partes homónimas: un documental distribuído mediante podcasting e unha reportaxe fotográfica que consta de vinte e sete fotografías que foron tomadas no período dun ano en San Cibrao, Viveiro e Xove», así describe o alumno de Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña Juan Maya o seu proxecto no que examina o pasado e reflexiona sobre a problemática actual das plantas da multinacional estadounidense en San Cibrao.

O sábado 19 de xuño de 2021 expoñerá no Museo Provincial do Mar algunhas das fotografías e falará sobre a xénese e o proceso creativo de A fábrica entre nós. O acceso será de balde até completar o cabemento dispoñible, limitado por mor de garantir a seguridade dos asistentes. Dous días antes, o dezasete, realizará unha reunión virtual ás 18:30 h mediante o servizo de videoconferencias Zoom e o 23 ás seis da tarde haberá outro encontro no Museo Provincial de Lugo, este último de xeito presencial.

En branco e negro e cunha atmosfera nostálxica e costumista, Maya explica que «nas fotografías está sempre presente dalgún modo o complexo, é o fío que as une, aínda que non en todas aparece; en moitas pode verse alomenos unha das chemineas da factoría de alumina, é unha presenza ubicua que vixía impasible desde o lonxe aos suxeitos».

A serie «ven a complementar unha parte da narración», motivo polo que foron retratadas algunhas das persoas entrevistadas no primero episodio do pódcast (cuxa estrea está prevista para finais do presente mes), como por exemplo o presidente do comité de empresa de Alcoa San Ciprián José Antonio Zan, o hostaleiro e membro despedido do comité de empresa de Inespal Ramón Míguelez Tola e o carpinteiro de ribeira Francisco Fra Rico.

Pódese consultar máis información sobre ‘A fábrica entre nós’ na páxina www.lafabricaentrenosotros.com e tamén na conta de Twitter «@fabrica_nos».

Exit mobile version