Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia o estado de abandono do edificio de cristal da avenida Ramón Canosa

Viveiro, 28 de xuño de 2021. As evidencias da incapacidade de xestión do goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, son cada día máis, ata sumar unha longa colección que os veciños poden comprobar persoalmente. Así o sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que pon como exemplo do que di o edificio da antiga Fundación Comarcal, na avenida Ramón Canosa. O edificio foi cedido pola Xunta ao Concello en 2016 e a día de hoxe presenta un alarmante estado de deterioro e de falta de limpeza.

Óscar Rodríguez sinala: “O chamado edificio de cristal converteuse polas súas características nunha referencia na paisaxe urbana de Viveiro. É un edificio construído pola Xunta, que foi a sede Fundación Comarcal da Mariña Occidental e que posteriormente foi cedido pola Xunta ao Concello. No momento da cesión o edificio estaba impecable”.

Pasados os anos e debido a un evidente déficit de mantemento por parte do Concello, o inmoble que foi sede da Fundación Comarcal, presenta un aspecto lamentable. Rodríguez sinala: “Están deterioradas ata algúns dos elementos metálicos que dan personalidade a fachada deste edificio. Hai cristais estalados que non son nin cambiados nin reparados e nalgúns puntos despréndese os recubrimentos. A situación é tan preocupante, que no entorno do edificio hai valos que levan alí gran cantidade de tempo, como é fácil comprobar. En resumo, un abandono total, ata o punto de que pode chegar a haber perigo”.

Os populares queren saber se o goberno de Viveiro pensa facer algo para poñer remedio á situación de abandono no que se atopa o edificio de cristal da avenida Ramón Canosa, no que o Concello ten cedidos locais a varias asociacións e agrupacións.

Exit mobile version