Site icon Crónica3.com A Mariña

Os afiliados do PP na provincia de Lugo elixirán a 139 compromisarios para o 17º Congreso do PPdeG

Lugo, a 4 de xuño de 2021. A Xunta Directiva do Partido Popular da provincia de Lugo reuniuse este venres en formato mixto -de forma presencial e telemática- para aprobar a distribución dos 139 compromisarios electos que lle corresponden á provincia de Lugo entre as distintas organizacións locais. “Os afiliados do PP da nosa provincia terán un papel fundamental á hora de elixir o que será o próximo presidente do PPdeG”, segundo destacou a presidenta do PP da provincia, Elena Candia. “Co seu voto poderán apoiar aos precandidatos e tamén aos compromisarios ou representantes por cada organización local no 17º Congreso do Partido Popular de Galicia, que é o máximo órgano do Partido”, continuou. Nese sentido, convidou aos afiliados “a participar con ilusión e responsabilidade neste proceso para a construción do Partido Popular da Galicia do futuro”.

O conclave autonómico será “aberto, participativo e funcional” dirixido a actualizar a organización do PPdeG: “non só os equipos, senón tamén as propostas e as ideas da Galicia de hoxe encamiñadas a servir á Galicia de mañá”, explicou Candia.

Os compromisarios electos outórganse, atendendo ao regulamento, nun 75% segundo o nivel de afiliación local con respecto á afiliación do total da provincia e nun 25% segundo a porcentaxe de votos obtidos neses municipios nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia con respecto ao total da provincia.

Deste xeito, a agrupación local de Lugo deberá elixir 37 compromisarios; as de Monforte e Sarria, 8 cada unha; 4 compromisarios lle corresponden a Foz e outros tantos a Viveiro; 3 a Cervo, Chantada, Friol, Quiroga, O Saviñao e Vilalba; 2 á Pastoriza, Burela, Castro de Rei e Ribadeo; os 52 concellos restantes da provincia deberán elixir 1 compromisario cada un deles.

Requisitos e procedemento para a elección de compromisarios
Para participar no proceso electoral -ser elector e elixible nas asembleas de elección de compromisarios e de votación dos precandidatos- será necesario ter a condición plena de afiliado, estar ao corrente das cotas e inscribirse cumprimentando o correspondente formulario de inscrición de elector antes do vindeiro 16 de xuño ás 14.00 horas. Poderá presentarse como candidato a compromisario calquera afiliado previamente inscrito que o solicite ante o correspondente Comité Local ata o día 2 de xullo.

Posteriormente, o día 7 de xullo procederase en asemblea á elección dos candidatos a compromisarios correspondentes a cada agrupación local mediante votación secreta para a que se habilitará unha urna. Resultarán elixidos aqueles que obteñan maior número de votos. Ao mesmo tempo, habilitarase outra urna para amosar o apoio directo aos precandidatos á presidencia do partido.

Representantes da provincia de Lugo no 17º Congreso do PPdeG
Xunto aos compromisarios electos serán tamén os compromisarios natos -todos os membros da Xunta Directiva do Partido Popular de Galicia entre os que se atopan directivos do PP da provincia de Lugo, deputados e senadores e os membros da Comisión Organizadora do Congreso-, os representantes dos galegos residentes no exterior e os de NNXX -4 pola provincia de Lugo- os que participarán no Congreso do PP autonómico que se celebrará o 16 e o 17 de xullo na cidade de Pontevedra.

Exit mobile version