Así o dixo tras anunciar que ven de rexistrar unha iniciativa parlamentaria coa que demanda “unha aposta decidida, real e efectiva pola VAC Costa Norte levando a cabo, en diálogo e consenso cos concellos polos que transcorre esta infraestrutura, tódalas accións precisas para rematar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte Ferrol – San Cibrao no menor tempo posible”.
Otero lembra que “o proxecto da vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao, que foi anunciado no ano 2001 polo señor Cuiña, dividíase en 11 fases correspondentes con outros tantos tramos e fixaba como data de finalización o ano 2007. Pero non foi ata o ano 2009 cando se iniciaron as obras do primeiro tramo. Trátase dunha infraestrutura prometida hai máis de 20 anos e que aínda segue no aire, e ao ritmo que executa estas obras a Xunta de Galicia a conexión Ferroltera-Ortegal-A Mariña chegará, de ser o caso, no ano 2135”.
A Voceira de Infraestruturas advirte que “este abandono do PP coa VAC Costa Norte implica seguir marxinando as comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal e deixando a estas comarcas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo. Unicamente contan cun trazado moderno as saídas de Ferrol ata San Sadurniño e as variantes de Ortigueira e Xove”.
Reiterados incumprimentos
Na proposición rexistrada denuncia que “despois de reiterados incumprimentos e inxustificados retrasos por parte do Goberno de Feijóo nesta VAC, en marzo de 2017 o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en sede parlamentaria galega afirmaba que para a Xunta de Galicia esta infraestrutura segue a ser unha prioridade e que se ía empezar cos tramos útiles que están conectados coas vías de alta capacidade, empezando polo lado da Coruña, na AG-64 como punto de inicio, no seu primeiro tramo San Sadurniño-Sardiñeira e na parte de Lugo conectando o tramo recentemente posto en servizo entre Celeiro e San Cibrao”.
Un único tramo aberto no 2017
Así as cousas remarca que “na Provincia de Lugo nada novo dende que o Goberno galego inaugurase, en xaneiro de 2017, con tres anos de retraso o primeiro e único dos tramos desta provincia con só a variante de Xove. Treito, por certo licitado 8 anos atrás por un goberno da Xunta de Galicia presidido por Touriño”, resumiu.