Ante a chegada do verán e a previsible celebración de espectáculos e eventos festivos nas dársenas de titularidade autonómica, o ente público lembra que os promotores destas actividades deben planificar a tramitación dos permisos coa marxe temporal necesaria e asumindo as indicacións que se recollen na orde. Así mesmo, sinala que existe a posibilidade de solicitar eventos programados anualmente nun único trámite. Deste xeito pódense formalizar de forma única a fianza e as garantías, o que reduce substancialmente os trámites no referente a festas patronais e outros eventos que se repiten ao longo do tempo.
A normativa clarifica a tipoloxía de eventos autorizados nas distintas zonas de solo de cada peirao para facilitar a súa organización e celebración. Con esta fin, zonifica o solo portuario segundo a súa actividade clasificándoo cun código de cores que representa o nivel de actividade allea á portuaria que pode acoller cada zona. Así mesmo relaciona expresamente aqueles eventos que poden realizarse en cada unha destas zonas, permitindo unha maior planificación e garantías para os solicitantes e promotores de eventos. Finalmente reserva espazos sen actividades de ocio público por motivos de seguridade ou respecto á operatividade do sector profesional.