Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “As gravacións lamentables da Maruxaina marcan un punto de inflexión á hora de programar eventos nos que debemos reforzar a visión de xénero”

Cervo, 25 de xuño de 2021. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, considera acertadas as conclusións da Valedora do Pobo no caso das “lamentables e condenables gravacións que tiveron lugar durante a Festa da Maruxaina” e precisa que “desde o momento no que tivemos coñecemento destes feitos delituosos, desde o Concello de Cervo xa valoramos programar as futuras festas reforzando esa perspectiva de xénero en prol da seguridade das mulleres e das nenas que asistan ás festas”.

Villares apunta que estes acontecementos deben facernos reflexionar a nivel xeral “e ser un punto de inflexión á hora de organizar os diferentes eventos nos que temos que traballar por ese reforzo da visión de xénero”.

O alcalde quixo facer fincapé nas dificultades engadidas que se dan nos eventos abertos, que, como no caso da Festa da Maruxaina, abarcan todo o pobo, “o que fai moi difícil ou practicamente imposible no só controlar os aforos, senón tamén os comportamentos delituosos ou mesmo de civismo das persoas asistentes; un aspecto que nos eventos pechados pode resultar bastante máis sinxelo que nas festas populares desta natureza”, engade.

Exit mobile version