Site icon Crónica3.com A Mariña

500 persoas mozas da Mariña son usuarias da tarxeta Xente Nova, coa que poden viaxar de balde por toda Galicia

Ribadeo, 1 de xullo de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que preto de 500 persoas mozas da Mariña (498 a día de hoxe) son usuarias da tarxeta Xente Nova, que desde o pasado 21 de maio permite viaxar gratis no autobús da Xunta por toda Galicia.

Arias visitou a estación de autobuses de Ribadeo para interesarse polo funcionamento desta tarxeta, coa que as persoas menores de 21 anos poden desprazarse de balde en calquera das liñas de bus interurbano que xestiona a Administración galega.

Lembrou que ata hai pouco esta medida estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, mentres que agora ampliou a súa cobertura territorial a toda a Comunidade.

O delegado subliñou que a tarxeta Xente Nova permite a todos os mozos e mozas galegos, vivan onde vivan, realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nas máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Como exemplo, explicou que un mozo ou moza de Ribadeo, onde neste momento hai 44 usuarios da tarxeta, pode trasladarse gratuitamente no bus da Xunta a localidades da comarca como Foz, Burela ou Viveiro; pero tamén a cidades como Lugo ou A Coruña por motivos de estudos ou ocio, así como a calquera concello galego.

En toda a provincia de Lugo, máis de 3.200 rapaces e rapazas menores de 21 anos xa desfrutan das bonificacións da tarxeta Xente Nova, que incrementou substancialmente o número de persoas usuarias desde que ampliou a súa cobertura territorial. Así, foron expedidas 250 tarxetas en maio e arredor de 600 en xuño, fronte ás 20 do mes de abril.

Engadiu que na provincia hai máis dunha vintena de sucursais de Abanca -a entidade financeira colaboradora- na que poden adquirirse tanto esta tarxeta como a tarxeta moedeiro TMG. Esta última, lembrou, é de uso xeral e garante un desconto mínimo do 10% no prezo da viaxe, que pode chegar ata o 50% no caso de desprazamentos recorrentes. Toda a información está dispoñible na páxina web bus.gal.

O delegado destacou que esta medida constitúe un estímulo para que os máis novos empreguen o autobús e supón un importante aforro económico para as familias.

Aposta polo transporte público
Arias salientou que a aposta da Xunta polo transporte público tamén se traduce na mellora dos equipamentos. No caso da Mariña, puxo en valor as obras de reforma e modernización executadas o ano pasado nas estacións de autobuses de Ribadeo, Viveiro e Burela, nas que o Goberno galego investiu uns 430.000 euros.

Así mesmo, o delegado precisou que está en proceso de adxudicación o contrato de xestión para a explotación das tres terminais por un período de cinco anos, por un valor estimado de máis de 882.000 euros.

O contrato de concesión inclúe a xestión dos servizos públicos regulares de transporte de viaxeiros en autobús, así como a explotación dos locais e servizos complementarios das terminais e das zonas comúns.

En Ribadeo
O voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico, Daniel Vega, pon en valor que 44 mozos de Ribadeo menores de 21 anos poden viaxar gratis por toda Galicia grazas á Tarxeta Xente Nova.

Trátase, destaca o popular, “dun carné co que axudamos aos mozos e mozas”, polo que non dubida en animar aos que aínda non o fixeron a esta tarxeta “onde o transporte público é gratuíto”.

Mellora da estación de autobuses
Daniel Vega subraia así a “firme aposta” do Executivo da Xunta pola mobilidade e o transporte de balde. Tal é así que, avanza, “seguimos xestionando orzamento e seguiremos colaborando e traballando para mellorar tamén a estación de autobuses, na que xa se investiron 144.000 euros e está en marcha un proxecto de modernización das instalacións”.

Exit mobile version