Site icon Crónica3.com A Mariña

A Banda de Ribadeo ofreceu o seu tradicional concerto do Día da Patria no que debutaron dúas músicas

Ribadeo, 26 de xullo de 2021. A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofreceu onte, domingo, o seu tradicional concerto do Día da Patria, actuación na que debutaron dúas novas compoñentes: Carlota Moledo Santamarina, co clarinete, e Antía Romero Prieto, na frauta.

O concerto celebrouse na rúa, concretamente enfronte do edificio de Aduanas, para manter a distancia de seguridade entre os músicos pola pandemia. Houbo control de aforo para o público e outras medidas anticovid. Programouse para as 21:00 horas porque varios compoñentes da formación foron a Santiago a cantar a misa de Rosalía co coro do colexio Sagrado Corazón. O director da Banda ribadense, David Ballester, agradeceu o esforzo feito por eses rapaces e polos seus pais para chegar a Ribadeo a tempo para participar na actuación.

A Banda ribadense tivo que recortar un pouco o programa previsto porque empezou a chover cando faltaba pouco para rematar o concerto. Interpretou estas obras: Ammerland, Cidra, Rosal de plata, La Virgen de la Macarena, ¡Música mestres!, Autumn leaves, Boleros para recordar, Muiñeira dos pendellos, Martiñika e o himno galego.

Exit mobile version