Site icon Crónica3.com A Mariña

A cesión do colexio vello de Celeiro reúne a ASPANANE e BNG

Viveiro, 8 de xullo, 2021. No día de hoxe tivo lugar un encontro entre a Xunta Directiva de ASPANANE e a concelleira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, á que tamén asistiu o Deputado no Parlamento Galego, Daniel Castro e membros da asamblea do BNG en Viveiro.

En dita reunión fóisenos trasladado o malestar da Xunta Directiva ante a paralización das xestións para a adquisición do colexio vello de Celeiro e ante o rexeitamento da TXSS de ceder a instalación, co consecuente retraso no proceso iniciado fai máis de 2 anos.

O proceso para adquisición, viña de iniciarse no pasado mes de abril, cando se levou a cabo a taxación do edificio. Tres meses despois tanto a Xunta Directiva como o BNG, non teñen información algunha de terse levado a cabo ningunha xestión a este respecto, descoñecendo se o documento da taxación está elaborado ou se xa está en mans do Concello de Viveiro.

A Asociación de pais e nais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro leva anos demandando á administración local e autonómica a ampliación da súa sede actual en Celeiro para dotala dunha residencia. As necesidades da asociación vense incrementadas nos últimos anos, tal e como reflexa o aumento de solicitudes de prazas para novxs usuarixs, a falta de espazo e de recursos para unha atención integral e de calidade, que se veu máis evidenciada ca nunca coa situación e esixencias da pandemia. Neste sentido cómpre ter en conta o aumento da lonxevidade e o envellecemento prematuro das persoas con discapacidade intelectual, e que as persoas usuarias de Aspanane son todas adultas, algunhas delas entradas xa na terceira idade. Con 19 usuarixs cunha gran dependencia no centro de día máis 40 usuarixs do centro ocupacional, a creación dunha residencia é unha urxencia que non se pode permitir que pasen outros tres anos de “negociacións”, pois o tempo apremia para as persoas con discapacidade intelectual de Viveiro e de parte da Mariña, como tamén para aquelas familias que ven pasar o tempo sen institucións ás que recurrir para atender as necesidades dos seus fillos e fillas.

Á vista da incertidume e a grande preocupación que provoca ás familias o estado de parálise no que se atopa o expediente do inmoble propiedade da TXSS, desde o BNG solicitaremos de novo ao goberno local “se informe por parte da alcaldía, do estado actual dos trámites para a cesión do colexio vello Celeiro e todo o que ten haber con este proceso” xa que no pasado pleno de xullo a Alcaldía non respondeu a esta pregunta, impedindo unha vez máis o acceso á información xs membros da corporación que se suma á anterior limitación de acceso por 5 días ao expediente onde se atopa a documentación deste procedemento.

Dende o BNG no Congreso, preguntarase a través de Néstor Rego polo estado da citada taxación, así como a petición dunha copia deste documento.

Cómpre resaltar que a Xunta Directiva solicitou hai meses a celebración dunha mesa de traballo na que estivesen representadas as tres administracións implicadas no proceso de adquisición da escola vella de Celeiro e que a día de hoxe non se lles ten traslado resposta oficial por ningunha das administracións, evidenciando unha vez máis a falta de interese para salvar esta situación de emerxencia na que viven as familias de Aspanane.

Exit mobile version