Tomé Roca destacou o papel que xoga Expomar “para o dinamismo da economía mariñá e do conxunto da provincia, ademais de ser un escaparate turístico que dá a coñecer a riqueza de recursos dos nosos concellos”.
Así mesmo, o Presidente subliñou que as dúas citas, Expomar e Produart, “teñen unha gran importancia para a comarca da Mariña e xeran novas oportunidades de negocio para o sector pesqueiro e do turismo náutico, actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo. A Deputación impulsa o sector primario con distintos convenios e, neste caso, apostamos pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel”.
As feiras Expomar e Produart están dirixidas a profesionais do mundo da pesca. O seu obxectivo é dar a coñecer as novidades tecnolóxicas do sector para incentivar e mellorar as condicións laborais. Estes eventos compleméntanse con xornadas técnicas e encontros empresariais onde se analizan os problemas da pesca a nivel nacional e internacional.