Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación impulsa o turismo dos Ancares e Terras de Burón coa edición dunha guía de experiencias

Lugo, 8 de xullo de 2021. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na Fonsagrada, no salón de actos dos Chaos, na presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, organizada por este Xeodestino. A iniciativa inclúe unha guía de experiencias, que imprimiu a institución provincial, na que se recompila a oferta de recursos de turismo e hostalería dos 10 concellos deste territorio: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.
No acto celebrado esta mañá estiveron presentes o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; e o Alcalde de Navia de Suarna e presidente do Xeodestino Ancares Terras de Burón, José Fernández Fernández; ademais dos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e representantes dos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín; e profesionais do turismo e da hostalería da contorna.

A guía, da que a Deputación imprimiu uns 300 exemplares, estará a disposición da veciñanza e dos visitantes no local do GDR, nas casas dos concellos e na oficina de turismo da Fonsagrada.

José Tomé apuntou que esta é unha iniciativa “dirixida a promocionar a oferta turística dos Ancares e de Terras de Burón e, desta forma, seguir consolidando este territorio como un xeodestino con personalidade e con entidade propias”. O Presidente engadiu que “a publicación recolle todo o que agarda ó visitante sobre o terreo. Boa comida, produtos da terra, receitas tradicionais, establecementos hostaleiros para desconectar da rutina diaria, as rutas xacobeas ou paisaxes impresionantes. E algo moi importante: a profesionalidade e o trato acolledor que ofrecen os profesionais do sector turístico e hostaleiro”.

“A campaña Déixate Marabillar chega nun bo momento”, apuntou Tomé Roca, que sinala que “dentro da prudencia que aínda aconsella a situación sanitaria, o que toca agora é impulsar proxectos coma este”.

O Presidente sinalou que esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo: “axudar á recuperación da economía, sobre todo dos sectores máis afectados pola crise da Covid, como o turismo, a hostalería e o comercio local; e, por outra banda, un obxectivo máis a medio e longo prazo, que consiste en consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e de experiencias como unha vía de desenvolvemento para a nosa provincia. Un modelo de turismo totalmente adaptado ó que demanda a sociedade co paso da pandemia porque, polas súas propias características, evita as masificacións e busca a experiencia persoal, o desfrute tranquilo dunha ruta personalizada ó gusto do visitante”.

José Tomé lembrou que a Deputación de Lugo leva tempo traballando nesta liña e que por iso, ademais desta campaña, apoiouse –a través do Plan Único- a creación dunha páxina web sobre os recursos de Terras de Burón que impulsaron os propios concellos.

Unha nova aportación para a recuperación do sector
“Cos obxectivos de apoiar a recuperación do turismo, da hostalería e do comercio, e de consolidar un modelo de turismo sostible como vía de futuro para o desenvolvemento da provincia, dende a Deputación de Lugo temos en marcha diversos programas, como os Bonos Impulso, as Actividades Fluviais ou os programas Coñece a túa Provincia e Saborea a túa provincia”, recordou o Presidente, que sinalou que a campaña presentada na Fonsagrada, Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, “supón unha nova aportación a todo este conxunto de ofertas para dinamizar e promover o turismo” e tamén “un novo escaparate para a hostalería e para os servizos da zona, que, coa súa profesionalidade, completan unha oferta turística que está baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”.

Exit mobile version