García Porto lembrou que o pasado luns, o primeiro día hábil despois da aprobación do convenio, o Presidente e o Alcalde da Fonsagrada asinaban xa o convenio “e hoxe aprobamos sacar a contratación a redacción do proxecto”. Isto dá mostra “do noso compromiso de máxima colaboración cos concellos da provincia para sacar adiante servizos e infraestruturas necesarias para a veciñanza e o tecido produtivo, como é o caso do polígono industrial da Fonsagrada”.
Lembrou a voceira socialista que a maiores da achega de 35.750€ para a redacción do proxecto, a Deputación de Lugo xa ten comprometidos outros preto de 600.000€ para acometer as obras do parque empresarial da Fonsagrada, e cumprir así cunha demanda histórica do Concello, da veciñanza e do tecido produtivo do municipio.
“Sen o apoio económico da Deputación de Lugo, como ocorre con tantos outros servizos e infraestruturas da provincia, A Fonsagrada non podería contar cun parque empresarial”, insistiu a voceira, que na liña do que explicou o presidente esta semana, abundou en que se trata dunha “dotación imprescindible, coa que cremos que debe contar A Fonsagrada como concello e como cabeceira de comarca, para reforzar o seu papel como polo de desenvolvemento económico, social e laboral, capaz de xerar un efecto multiplicador na zona”.