Site icon Crónica3.com A Mariña

A merluza de Burela conquista Madrid

Burela, 22 de xullo, 2021. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, en colaboración con Armadores de Burela, ten en marcha unha nova campaña de promoción da Pescada do pincho de Burela, que ensalza una vez máis a calidade excepcional do produto, pero esta vez poñendo o foco no traballo, esforzo e compromiso que hai detrás de cada peza capturada artesanalmente.

Unha acción publicitaria que se lanza a nivel estatal de novo en Madrid, concretamente no seu transporte público, enchendo as traseiras e laterais das liñas de autobuses urbanos que conectan as principais prazas e mercados de abastos da cidade. E compleméntase con outras accións divulgativas e publicitarias nos mercados tradicionais, así como en medios dixitais en internet.

Desde a Organización de Produtores do Porto de Burela promociónase así o seu produto e deféndese unha forma única de facer as cosas: anzol a anzol, día a día, sol a sol, peza a peza… e “Merluza a merluza”.

Ademais de ensalzar o produto, a campaña pon en valor toda a cadea de produción que hai detrás de cada peza. É a forma de vida de todas as familias que viven do mar en Burela, onde conviven máis de 40 nacionalidades unidas por esta pesca artesanal: “Pescador a pescador”, marea a marea, familia a familia…; facendo que este modo de vivir non se perda e siga formando parte de nós: prato a prato, bocado a bocado.

A pescada de Burela captúrase de forma individual, “unha a unha” como di a campaña. Péscase con anzol, unha arte de pesca sostible e artesanal na que o peixe non sufre ningún dano e a súa carne conserva tódalas súas cualidades, aportando os maiores beneficios para a saúde e o mellor sabor para o noso padal; e respectando o maior nivel de sostibilidade; principios que tamén comparten os novos consumidores, e por iso a pescada de Burela é para eles o produto ideal.

Esta acción conta coa colaboración de Armadores de Burela e está enmarcada no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo, cofinanciada pola Xunta de Galicia e Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Exit mobile version