Site icon Crónica3.com A Mariña

A Policía Local de Viveiro inicia unha campaña de controis de velocidade

Viveiro, 1 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro informa que a Policía Local do municipio, dentro dos marcos de colaboración coa Xefatura Provincial de Tráfico, vén de iniciar unha tempada de controis de velocidade. Esta campaña iníciase tras a cesión temporal dun cinemómetro e realizarase dentro das vías da súa competencia, prolongándose ao longo de todo o verán.

Estes controis van encamiñados á vixilancia e denuncia daqueles excesos de velocidade que se detecten nos puntos urbanos que se establezan, baixo criterios de zoas especialmente sensibles, como por exemplo, vías compartidas ou de afluencia peonil, paseos marítimos ou contornas de incidencia poboacional.

O uso destes equipos de medición, nos primeiros controis efectuados, permitiu á Policía Local detectar varias infraccións, entre elas algúns casos de especial relevancia, como a dous vehículos que circulaban a velocidades en torno ós 80 km/h y 90 km/h.

Ambos incidentes foron detectados na zona do Paseo Marítimo, vía na que a velocidade máxima permitida está limitada a 30km/h. Os vehículos foron captados a esas velocidades cando circulaban á altura dun paso de peóns. Agora, os seus respectivos condutores/ras enfróntanse a sancións económicas de 600 euros e á retirada de 6 puntos do permiso de conducir.

Cómpre lembrar que o exceso de velocidade é un dos factores negativos da Seguridade Viaria, e que poñen en perigo ós colectivos mais vulnerables, como peóns ou ciclistas, que en caso de atropelo incrementa a probabilidade de sufrir lesións moi graves ou falecementos.

Exit mobile version