Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acolle con satisfacción a concesión do Plan de SustentabilidadE Turística para A Mariña, pero lamenta que chegue cun ano de atraso

Lugo, 28 de xullo de 2021. A Xunta de Galicia acolleu con satisfacción contida o anuncio da concesión do Plan de Sustentabilidade Turística para A Mariña, posto que considera que “chega cun ano de atraso, algo moi prexudicial para as empresas deste sector, máis aínda na situación na que nos atopamos”. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen matizou que “o goberno Galego xa comprometera o ano pasado o 50 por cento do orzamento deste proxecto, que entón xa era un firme candidato para saír adiante sen ningún tipo de traba nin limitación”.

Javier Arias sinalou respecto a esta concesión que “se trata dunha boa noticia, pero é unha mágoa que esta decisión non chegara moito antes”. O obxectivo deste Plan de Sustentabilidade Turística pasa por reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro, especialmente tras o impacto da pandemia en todo o territorio nacional, “e cremos que agora todos aqueles que viven do turismo non poderán beneficiarse deste proxecto tal e como estaba pensado nun primeiro momento”.

A Xunta de Galicia sempre traballou da man da Mancomunidade, como o proba o investimento de 1,3 millóns de euros previsto para os vindeiros tres anos acordado polo goberno Galego. Neste sentido Javier Arias explica que “desde a Xunta sempre apostamos firmemente polo potencial turístico da Mariña lucense; estivemos ao carón dos 16 concellos que a integran e impulsamos a posta en valor dos seus recursos”.

Por último, Javier Arias lembra que chama a atención que o pasado ano o presidente da Mancomumidade da Mariña criticase a xestión da Xunta por non conseguir este plan, e que este ano non faga referencia ao traballo do goberno Galego, que sempre estivo ao carón do sector.

Proba da implicación da Xunta co sector turístico da comarca é que no primeiro semestre deste ano temos promovido máis de 460 axudas a establecementos vinculados ao turismo na comarca, que suman ao redor de 1,5 millóns de euros.

Exit mobile version