Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ofrece 46 actuacións escénicas en seis concellos da provincia, entre eles Ribadeo, Foz, Viveiro e Burela, adheridos á rede galega de teatros e auditorios

Lugo, 14 de xullo de 2021. A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) ofrece para o segundo semestre de 2021 un total de 46 actuacións escénicas de 35 compañías en seis municipios lucenses. A programación, cofinanciada pola Xunta de Galicia, mobiliza unha inversión en contratacións de máis de 146.000 euros.

Na provincia están adheridos a este circuíto de distribución de espectáculos promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade −a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic)− os concellos de Lugo, Ribadeo, Burela, Monforte de Lemos, Foz e Viveiro.

Ao longo do primeiro semestre programáronse outros 55 espectáculos nestes municipios. Pese a que as restricións sanitarias obrigaron a adiar numerosas citas en toda Galicia, a gran maioría foron reprogramadas dentro do mesmo período e outras foron trasladadas para este segundo tramo.

Ao respecto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou a importancia desta iniciativa “que axudou a manter a actividade cultural mesmo nos meses máis complexos, para beneficio do sector e, sobre todo, dos cidadáns que a puideron disfrutar de forma segura”.

Carteleira
A práctica totalidade dos colectivos artísticos contratados proceden de Galicia e, por xéneros, o teatro familiar e para adultos é o que rexistra maior presenza, aínda que tamén se ofertan música, danza, novo circo e maxia.

A Sala Bahía de Foz abre mañá a programación do segundo semestre con Galitoon e o espectáculo The show moscón. Esta sala acollerá 16 espectáculos ata decembro. O auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo programa 13 actuacións dentro do circuíto, a primeira delas o 24 de outubro a cargo de Eme2 emoción&arte, que presenta Semente, o home que plantaba árbores.

No Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo prográmanse catro espectáculos, outros tantos no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos, tres na Casa da Cultura de Burela e seis no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, que pechará a programación o 28 de decembro coa actuación do Mago Rafa.

A carteleira con todas as funcións e horarios poderase consultar proximamente nas webs da Agadic e Cultura de Galicia.

Exit mobile version