Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto fai unha chamada á responsabilidade ante a suba de casos de Covid e anima á participación no cribado masivo que realizará o Sergas en Foz a partir deste xoves

Foz, 19 de xullo de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, apela á responsabilidade individual ante a suba de casos positivos en COVID-19 que está a sufrir Foz e toda a Mariña e anuncia que “para frear a cadea de contaxios, o Sergas programou un cribado masivo entre profesionais que exercen a súa actividade no noso concello de cara ao público: tendas de alimentación, transporte, hostalería, hospedaxe, comercio, voluntariado,… O concello de Foz colabora de forma activa co Servizo Galego de Saúde recompilando os datos necesarios. Habilitamos a conta de correo electrónico cribado@concellodefoz.es, onde calquera persoa que queira participar deberá indicar nome e apelidos, DNI ou NIE, número de teléfono e o sector no que realiza a súa actividade profesional ou de voluntariado. Tamén poderá deixar os seus datos de forma presencial nas oficinas xerais do Concello de Foz ata este mércores día 21 de 9 a 13 horas”.

O rexedor municipal incide na responsabilidade individual de todas e todos e explica que “esta pasada fin de semana realizouse un operativo conxunto de Garda Civil e Policía Local en horario nocturno tanto o venres como o sábado, no que participaron vinte efectivos. Teño que agradecer o gran labor das forzas de seguridade. O principal obxectivo foi desincentivar malas condutas para evitar contaxios.

Nese sentido vamos ser inflexibles xa que o mal comportamento dalgún pode derivar nun peche de todos. Ninguén está a salvo de contaxiarse, pero temos que ser precavidos”.

O alcalde de Foz indica que o servizo de socorrismo nas praias está a verse alterado pola incidencia do COVID: “vémonos na obriga de reducir o número de praias con servizo de salvamento pola aparición de 5 casos COVID entre os profesionais -socorristas, auxiliares e sanitarios-. Por seguridade fixéronse probas PCR ao conxunto do servizo e estamos reconfigurando a vixilancia, que vamos adaptando ás circunstancias. Mañá, día 20 de xullo, as praias que contarán con servizo de salvamento son Rapadoira, Llas e Pólas”.

Fran Cajoto anima “a todo aquel traballador ou traballadora exposto ao público que participe no cribado programado polo Sergas. Eu tamén vou participar, como exemplo, pero sobre todo para maior seguridade de todas as persoas coas que traballo e colaboro”.

Exit mobile version