Site icon Crónica3.com A Mariña

Chega ao Valadouro ‘Cultura na Rúa 2021’

O Valadouro, 16 de xullo, 2021. O concello do Valadouro presentou da man da concelleira de cultura, Fina Geada, a programación socio-cultural para os meses de xullo e agosto que aproveitando o bo tempo se leva ata praza onde se disfrutará da música, baile, maxia, monicreques, cine ó aire libre e contacontos. Toda esta ambiciosa programación pode levarse a cargo grazas á colaboración da Deputación de Lugo a través do programa Plan Único 2021.

Con este programa preténdese dinamizar a vida social e cultural dos veciños e visitantes do concello do Valadouro cumprindo as pautas que marca o protocolo Covid-19. Con este fin, recoméndase que se faga inscrición previa nas oficinas da Casa da Cultura ou no teléfono 982571516 ata o mesmo día de cada evento 2 horas antes. Tamén se accederá ó recinto habilitado coas prazas que queden libres co rexistro “in situ”.

Os actos arrancan o sábado 17 de xullo a partir das 20:30h. cun concerto de música tradicional a cargo da asociación de acordeonistas da Mariña. Este colectivo conta con persoas afecionadas ó mundo do acordeón dos diversos concellos da Mariña, e que fai varios anos decidiron unirse a formar unha asociación cultural e que difunden polos disitintos lugares onde actúan.

A seguinte xornada, será o sábado 24 de xullo tocaralle o turno o grupo Píscore co traballo CON-FUSIÓN nunha obra teatral-musical clown. Píscore chega para levar a todas as prazas e teatros a mellor comedia musical e xestual. Son unha compañía que naceu na primavera de 2016 e que homenaxea co seu nome á famosa “Esther Píscore”, trasunto da musa da danza, Terpsícore, un coñecido gag de Les Luthiers. Teñen a premisa de facernos rir dende o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.

Catro actores/músicos con ampla formación musical e experiencia escénica presentan no 2019 o seu traballo Con-fusion.

Para a seguinte xornada, o 25 de xullo e día de Galiza, tócalle o turno ós monicreques de Fantoches Baj co seu novo traballo “OS NOVOS LOBOS” un espectáculo de índole familiar ás 20:30h.

Novos lobos é un espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a esta nova ollada, nunha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais ao alumnado que axuden a prever a violencia de xénero. O espazo no que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña no que un pastor está coidando das súas ovellas (o público).

Recórdase que para todos os espectáculos se recomenda a reserva previa na casa da cultura pero para a segunda parte do 25 de xullo é indispensable para dispor das cadeiras habilitadas para o espectáculo. Tocaralle o turno á estrea do filme “CUÑADOS” e para poder acceder ó recinto deben de estar anotados previamente na Casa da Cultura e unha vez no acceso ó recinto se solicitará a documentación facilitada na inscrición.

Trátase dun filme de humor no que dous cuñados fastidiaron un dos seus negocios e precisan moito diñeiro. Para sair do apuro, deciden secuestrar ó cuñado da empresaria que o estafou decatándose que esta non abonará nada pola persoa secuestrada.

A proxección de cine aire libre será o 25 de xullo ás 22:3o horas na praza de santa María.

A última das actividades do mes de xullo do programa Cultura na Rúa é o espectáculo de “MAXIA DE AQUÍ E DE ACOLÁ” con David Méndez. Un ilusionista lucense que achegará o público familiar o mundo da maxia o 31 de xullo.

Este programa non remata en xullo, senon que os sábados de agosto aportarán tamén moita actividade á vila para o público familiar no que se contará tamén con teatro, musica e baile tradicional e cine ó aire libre.

Desde a concellería de cultura do concello do Valadouro animamos a que os veciños, veciñas e visitantes se animen a disfrutar de todas e cada unha destas actividades no que o público permanecerá sentado en cada momento marcando as distancias con desinfección de cadeiras e mans así como rexistro de usuarios e delimitación do espazo do programa Cultura na Rúa -2021 O Valadouro.

Exit mobile version