Site icon Crónica3.com A Mariña

Elenita, unha internacional como primeiro reforzo do Pescados Rubén

Burela, 7 de xullo, 2021. A internacional española Elena García Martos (Ibi, 1996), máis coñecida como Elenita, defenderá as filas do Pescados Rubén Burela FS. A peche alacantina recalará na Mariña con contrato ata 2023, tras 6 exercicios na UA, converténdose na primeira novidade das Guerreiras Laranxas nun novo duelo coa Historia.

Aos seus 24 anos e cunha traxectoria ligada á súa terra, coa formación en Santa Rosa de Alcoy e a grande evolución en Universidad de Alicante, Elenita cambia de aires e estrea etapa con moita ilusión: “Despois de tanto tempo saio da miña terra, da miña zona de confort, para asumir un novo reto co que estou moi ilusionada. A clave foi ter a oportunidade de seguir medrando cun club marabilloso e un equipo excepcional no que espero achegar o mellor de min. Teño por diante o desafío de competir contra min mesma para superarme, despois da estrea coa Selección Española o decembro pasado”, adiantaba a nova xogadora ‘ laranxa’, que poderemos coñecer máis preto nas próximas semanas, coa súa presentación oficial.

Exit mobile version