Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez fai unha chamada á colaboración cidadá para que Ribadeo estea o máis limpo posible

Ribadeo, 12 de xullo de 2021. O alcalde, Fernando Suárez, fai unha chamada á colaboración cidadá para que Ribadeo estea o máis limpo posible. Esta fin de semana apareceron cartóns sen pregar abandonados enriba dos contedores habilitados para este fin, a pesares de que estes recipientes estaban baleiros.

O rexedor gravou un vídeo e difundiuno a través das súas redes sociais: “queremos difundilo porque o da limpeza viaria e recollida de lixo por suposto que é cousa do Concello, pero nada disto vale se non hai conciencia veciñal”.

Suárez Barcia subliñou que “de feito recóllese o lixo 7 días á semana, agás Nadal, Ano Novo e algún festivo puntual. Sempre de madrugada. 3 días á semana recóllese o cartón nos contedores e 2 veces por semana recóllese porta a porta aos negocios da vila. Tamén na época estival se reforzan os cadros de persoal para tentar ter todo o mellor posible. Pero nada disto vale se non hai conciencia veciñal. Facer isto co cartón, non pregalo, deixalo enriba dos contedores cando estes están baleiros pois non é axeitado”.

O alcalde dixo que “a imaxe de Ribadeo construímola todos, as administracións e os particulares. Actitudes incívicas e egoístas coma estas non axudan á imaxe do noso Concello. Podíamos non dicilo. Pero dicímolo. Sempre con ánimo de mellorar”.

Os cartóns enriba dos contedores, sen pregar, foron depositados esta fin de semana na zona do parque de San Francisco, no cruce de Irmáns Moreno Ulloa coas rúas Deputación e San Francisco, en San Lázaro, etc, etc… “é unha situación que se repite nestes e noutros puntos e que ocasiona as queixas veciñais pola imaxe que se está a dar de Ribadeo. Eses cartóns e caixas cando hai vento acaban tirados polas rúas”.

Fernando Suárez fai unha chamada á veciñanza “para que o lixo, o vidro e o cartón sexan depositados dentro dos contedores destinados a cada cousa. Si nalgún momento puntual están cheos os que temos a carón da casa, sexamos cívicos e acudamos a outros próximos. O que non está ben é deixar as bolsas do lixo ou o cartón a carón dos contedores, invadindo a rúa ou a beirarrúa”.

Exit mobile version