Site icon Crónica3.com A Mariña

Iago Míguez continuará a vindeira tempada no club da súa vila

Burela, 13 de xullo, 2021. Iago Míguez continuará defendendo o seu club natal a vindeira tempada. O 5 laranxa convértese na primeira renovación dun bloque que volverá apostar polos xogadores da casa e galegos, con Quintela, David Pazos, Renato e Nito, con contrato en vigor. Xunto á novidade no banco de Alberto Riquer, tamén chegan os peches Isma, procedente do Parrulo FS, e Wanderson, de Osasuna Magna.

“Falar de negociar co club da túa vida, co club que coñeces dende os inicios é moi doado. Foi unha conversa curta porque sabiamos que ambas as partes nos poriamos de acordo” explicaba o burelao, a Xoia Laranxa que o leva vivido todo co Pescados Rubén Burela FS.

Tras o seu paso por Catgas Energía, o ala asume a cuarta tempada consecutiva na súa casa –a décima da súa traxectoria- despois dunha titánica campaña burelista que brindou a posibilidade de seguir pelexando entre os mellores. “Foi unha tempada moi dura e esixente, pero tamén nos serviu para medrar como grupo. Temos unha base de xogadores moi boa, de xogadores galegos moi identificados co proxecto e iso serviunos para loitar contra todas as adversidades. O obxectivo conseguiuse con moito sacrificio e a partir de agora poderase ver un equipo máis maduro”, reflexionaba así Iago sobre a aprendizaxe laranxa en 2020-21, nunha liga na que o mariñán tamén conseguiu ir de menos a máis tras estar afastado da competición por su rodilla: “Foi un ano complicado, despois dunha lesión grave. Ao comezo encadear a boa rendibilidade foi difícil, pero afortunadamente non tiven ningunha recaída nin complicación; necesitaba tempo e partidos e así puiden rematar a tempada a moi bo nivel. Este é o punto de partida para 2021-22, con ese ritmo e esa confianza” aseguraba o burelista, coa guinda dun hattrick no último enfrontamento pola permanencia ante Durán Ejido.

Xa recargando baterías nas vacacións, Iago Míguez pensa con emoción no que deparará 2021-22: “Agardamos que sexa unha tempada moi boa para todos, moi ilusionante. Pescados Rubén ofrecerá un equipo competitivo, de moito traballo e moito oficio ante un novo reto moi esixente. Oxalá poidamos regalarlle a toda a afección un ano bonito despois do sufrimento deste ano” reflexionaba Iago Míguez.

Exit mobile version