Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1,5M€ de investimento nos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo no último ano

Ribadeo, 1 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia achegou máis de 1,5 millóns de euros aos catro obradoiros de emprego promovidos en Ribadeo no último ano, dous deles dirixidos á mocidade e compartidos con Barreiros. En total, proporcionan formación a 72 traballadores desempregados.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que, logo de clausurar en decembro un obradoiro dual, actualmente están outros dous en marcha aos que se sumará unha cuarta iniciativa nas próximas semanas.

Arias visitou hoxe aos integrantes do proxecto RibadeoXCamiño, que xira arredor da posta en valor da ruta xacobea ao seu paso polo concello. Está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 347.000 euros, e conta con 10 alumnos traballadores na modalidade de Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos e outros tantos na de Promoción turística local e información ao visitante.

Os participantes traballan no deseño, planificación e desenvolvemento da Oficina de información ao peregrino e do Centro de interpretación do Santuario de Nosa Señora das Virtudes, en Arante. Igualmente, desenvolven produtos audiovisuais interactivos sobre os recursos patrimoniais que rodean ao Camiño Norte e a pegada da tradición xacobea no termo municipal, e reforzan os recursos e a oferta turística relacionada coa ruta.

O delegado subliñou que esta proposta dá continuidade ao labor realizado no obradoiro Alén do Camiño, rematado o pasado mes de decembro e financiado pola Administración autonómica con 471.800 euros.

Neste momento estase a desenvolver tamén o proxecto Vencellos da Memoria, no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos que se forman nas especialidades de Produción fotográfica e Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. Rematará o 20 de setembro, pero antes tomará o relevo o taller Territorio Vivo, que seguirá avanzando nas tarefas de tratamento e dixitalización do patrimonio documental e incorporará a especialidade de Educación medioambiental.

A Xunta investiu 369.500 euros en cada un destes obradoiros de garantía xuvenil que comparten Ribadeo e Barreiros.

Os obradoiros de emprego teñen unha duración de entre nove e doce meses e realizan obras e servizos de interese xeral en beneficio dos veciños e veciñas dos concellos que os acollen. Os participantes reciben formación teórica e práctica, mediante un contrato de traballo, en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular e deputado autonómico pon en valor esta iniciativa financiada integramente polo Goberno galego con 347.000 euros, e que inclúe ademais de facilidades para a inserción laboral tamén formación.

A través do obradoiro seguirase impulsando e mellorando o Camiño Norte, como xa se fixo no pasado convertendo a Oficina de Turismo nun punto de información para o peregrino. Ademais, segundo explica Vega, dende a administración autonómica seguirase colaborando cos albergues que hai na vila.

Exit mobile version