Site icon Crónica3.com A Mariña

Melloras en varias rúas de Ribadeo e Rinlo

Ribadeo, 21 de xullo de 2021. O Concello de Ribadeo realizará melloras en varias rúas do casco vello da vila e tamén en Rinlo. O investimento ascenderá a 156.000 euros e o prazo de execución será de 2 meses. Os traballos darán comezo a mediados de setembro, segundo deu a coñecer no día de hoxe a concelleira de Obras, Mónica Freire.

A edil ribadense explicou que “o Concello de Ribadeo afrontará melloras en rúas por un valor de 156.000 euros no núcleo de Rinlo e no casco histórico da vila. Trátase de actuación nas rúas Virxe Branca, en Rinlo, e nas Catro Rúas e Antonio Otero, en Ribadeo. Desde o Concello temos previsto iniciar os traballos de mellora destes espazos, dentro das dúas zonas Ari que temos, ao longo do mes de setembro”.

Freire Rancaño contou que “no caso de Rinlo as actuacións contempladas para a rúa Virxe Branca, inclúen a demolición das soleiras existentes, a colocación dun pavimento continuo de formigón desactivado con bordillos de granito para a recollida de augas. Tamén se substituirán as luminarias actuais por outras de maior eficiencia enerxética”.

A concelleira de Obras sinalou que “no caso da vila levaranse a cabo melloras nas Catro Rúas, onde se levantarán os adoquíns e as baldosas de granito actuais, para colocar novas baldosas de granito tipo Alba. No centro do cruce aparecerá una pedra granítica de 1x1metro co escudo tallado e grafiado do Concello. Así mesmo no comezo ou remate de cada una das Catro Rúas aparecerá tallado o nome da vía correspondente”.

E engadiu: “na rúa Antonio Otero reconstruiremos e repararemos as zonas afectadas para mellorar a mobilidade sen desligala da seguridade viaria e conseguir un espazo de convivencia e comunicación da vida colectiva da vila. Actuaremos sobre unha superficie total duns 405 m2, incluídas as beirarrúas e o tramo de calzada ata a entrada da Biblioteca Municipal. Do mesmo xeito, substituiremos as luminarias actuais por outras mais eficientes e realizaremos traballos de eliminación de barreiras arquitectónicas”.

Mónica Freire subliñou que “todas estas melloras desenvolveranse nestas áreas de rehabilitación integral (Ari), declaradas como tal nos anos 2001 no caso do casco histórico de Ribadeo e no 2009 no núcleo de Rinlo. As melloras proxectadas terán unha duración de dous meses e vanse iniciar a mediados de setembro”.

A edil responsable da Delegación de Obras dixo que “desde a equipa de goberno seguimos a traballar para levar a cabo estas melloras no noso concello, facendo moitas veces un importante esforzo económico para que isto sexa posible e para que serva para que tanto a veciñanza como todas e todos aqueles que nos visiten o poidan facer nun espazo adaptado, nun espazo seguro e nun espazo que favoreza a mobilidade”.

Exit mobile version