Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón unha ruta ciclista segura na estrada provincial Burela-San Cibrao

A Mariña, martes 27 de xullo de 2021. O Bng vén de propoñer unha alternativa de uso para a estrada provincial LU-P-1510 que une Burela e San Cibrao pola zona costeira. Esta estrada de nove quilómetros que ten moito tránsito de ciclistas e deportistas en xeral presenta tamén deficiencias no seu firme denunciadas xa en varias ocasións por numerosos veciños e usuarios.

A práctica deportiva nesta vía aumenta día a día e viuse incrementada na pandemia, polo que os edís nacionalistas de Cervo e Burela consideran que é o momento de aproveitar esta infraestrutura para mellorala e facela máis segura e para eso propoñen convertela en Ruta Ciclista Segura, a semellanza das Rutas Ciclistas Protexidas recollidas no catálogo da Dirección Xeral de Tráfico.

A primeira vía destas características na Mariña
Sería a primeira vía destas características na Mariña, o que seria tamén un reclamo para a zona, non só para Cervo e Burela senón tamén para os concellos da contorna. As características deste tipo de vía conlevan a adecuación do firme, sinalización nas que se recollen horarios de afluencia, restricións de velocidade, control e redución de velocidade en adiantamentos, prioridade ciclistas….instalación de barreiras de protección nos quitamedos e puntos de reparación de bicicletas nos extremos da vía.

Esta vía é de titularidade da Deputación Provincial polo que nas mocións nas que se recolle esta proposta do Bng e que van ser debatidas no pleno de Cervo que se prevé para os vindeiros días e no de Burela, previsto para o xoves 5 de agosto, instase ao organismo provincial a realizar os trámites correspondentes para convertir esta estrada nunha Ruta Ciclista Segura.

“Temos que aproveitar todos os recursos que temos nos nosos concellos a nivel deportivo e turístico, que son moitos, e este é un exemplo mais, coa circunstancia de que non é un proxecto costoso pero que redundará en moitos beneficios para Cervo e Burela e para a comarca. Confiamos no apoio unánime dos plenos de Cervo e Burela e tamén no apoio da Deputación a esta iniciativa.” Afirmaron Diego Fernández e Mario Pillado.

Exit mobile version