Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo recibe aos medallistas no pasado Campionato de España de Remo Olímpico 2021

Ribadeo, 30 de xullo de 2021. O salón de plenos acolleu a recepción ofrecida polo Concello aos medallistas no pasado Campionato de España de Remo Olímpico 2021, celebrado en Bañolas: Irene García, Antón Balsa, Mateo Monteserin e Conrado Lara. Na acto a estes deportistas do Club de Remo de Ribadeo participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez, e o técnico de Deportes, Iván López.

O rexedor dixo: “a verdade é que co Club de Remo xa está sendo unha tónica habitual que nos vexamos aquí cada pouco, sempre por cousas boas, e especialmente para recoñecer o labor dos adestradores, dos país, das nais e das familias e por ir moldeando esta marabilla de nenos e de nenas que nos últimos tempos non deixan de darnos alegrías porque están poñendo o nome de Ribadeo moi alto cada pouco, para ben ademais. Con estes recoñecementos de campionatos e subcampionatos de España fanos a todos sentirnos moi orgullosos de que aquí en Ribadeo, desde non hai moito tempo, un grupiño de persoas está facendo cousas moi bonitas que, como mínimo, nos levan a facervos un recoñecemento formal aínda que o máis importante é o voso premio, pero cremos que institucionalmente tamén poidades vir á Casa do Concello, á casa de todos, para recibir un detalliño que encha as vosas vitrinas, que xa supoño que, aínda que sodes todos moi noviños, xa as teredes cheas de medallas e de trofeos. Pero, desde logo, o que estades facendo non é tan doado e queríamos contribuír honestamente. A Conrado, a Antón, a Irene e a Mateo parabéns e seguide así”.

A concelleira de Igualdade manifestou: “agradecervos o traballo, o tesón e o esforzo que tivestes ao longo deste ano e de todos os anos, porque o conseguido este ano non é só deste senón de toda a traxectoria que levades no Club de Remo. Agradecer, como non podía ser doutra maneira, aos vosos adestradores, a Mauri, a Miguel e ás persoas que están aquí con nós, que primeiro tiveron a idea porque eles tamén desfrutaron desta parte do remo e tiñan ese gusaniño de volver reactivar o remo no noso concello, aspecto moi importante.
Tamén agradecerlles a súa profesionalidade e o seu traballo, os premios a ese traballo e a esa labor que eles fan, desinteresada para con vos e para o noso concello, trae os froitos que trae. Así que noraboa, grazas a eles e ás familias tamén por estar aí, noraboa para vos, seguide así. Unha parte moi importante é o deporte, sobre todo na idade na que estades, porque ocupa moito do voso tempo e iso é moi importante no momento da etapa que estades formándovos e cultivándovos a nivel de corpo e mente. Deste xeito tedes o tempo libre ocupado cunha vida sa e tamén os estudos, eu creo que unha cousa contribúe a outra, os hábitos e as rutinas son moi importantes na vida diaria, no momento de saír e tamén no estudo. Así que noraboa, e moito ánimo tamén para eles e moita forza para seguir traballando con vos”.

O edil de Deportes sinalou: “queremos darvos a noraboa, tanto a Irene, como a Mateo, a Conrado e a Antón, por este éxito que lograstes fai poucos días. Tamén dar a noraboa a todo o gran equipo que formades onde está Mauri, Miguel e todos os pais e nais que forman o Club de Remo. Un dos valores que ten o deporte, desde logo, é educativo e formar equipos e facer máis conxunto entre persoas.

Este trofeo faino a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, queremos saír así un pouco dese trofeo protocolario que había. Este é feito a man e queremos axudar tamén a esta asociación, a través do deporte, a darvos este pequeno agasallo para recoñecer o gran esforzo que estades a facer”.

O presidente do Club de Remo, Miguel Balsa, destacou as medallas conseguidas polos seus deportistas “en todas as categorías” así como “o traballo moi grande o que se fai, de xeito altruísta por parte do adestrador”.

E Fernando Suárez adiantou que “desde o Concello seguimos traballando e tentaremos resolver un montón de trámites para que se drene e se amplíe o canal que tedes alí ao pé do voso lugar de adestramento”.

Exit mobile version