Otero advertiu de que esta medida, enriba da mesa dende hai 20 anos, será tratada nunha xuntanza dos ministros de Comercio na OMC do próximo 15 de xullo, na que a UE estará representada pola Comisión Europea, de cara a acordar un texto para a próxima reunión da OMC prevista para decembro en Xenebra.
Lembra que tanto España como Francia teñen proposto que a Comisión Europea informe da súa posición de cara a coordinar a posición negociadora e presentarse “sen posicións discordantes”, unha postura que foi respaldada pola maioría de países membros da UE. A parlamentaria socialista preguntoulle ao goberno galego “que están a facer” ante a iniciativa da OMC de retirar as axudas, logo de constatar que dende o goberno central “estanse a facer cousas”.
Pesca ilegal
A supresión das axudas, concibida para frear a pesca ilegal, faría inviable a actividade para moitos armadores galegos “cando o noso sector pesqueiro fai unha pesca legal, declarada e regulamentada”. Sinalou que “ten que haber e hai outras medidas para loitar contra a pesca ilegal” á marxe de retirar as axudas aos combustibles que provocaría unha “desvantaxe competitiva fronte a outras nacións co gasoil máis barato e menos control da pesca”.
Na actualidade, o combustible bonificado sitúase a un prezo de 0,45 euros o litro, o que supón o 40 por cento do custe de explotación –ata o 50 por cento no caso dos arrastreiros-, un prezo que se vería duplicado pola retirada das bonificacións. Deste xeito o custe do gasoil podería chegar a supor o 70 por cento do custe de explotación, derivando ademais nunha suba dos prezos do peixe ata ser inaccesible para moitos consumidores.