Site icon Crónica3.com A Mariña

Rinlo acolle este venres a primeira das 27 actuacións do novo ciclo da Xunta ‘Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio’

Ribadeo, 2 de xullo de 2021. O novo programa cultural da Xunta Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio bota a andar ás 20,30 h. desta tarde no peirao de Rinlo, en Ribadeo (Escola vella no caso de choiva), coa primeira das 27 actuacións que se desenvolverán ata finais de agosto noutros tantos espazos singulares de toda Galicia como parte da programación do Xacobeo 21-22.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistirá á representación no porto desta pequena localidade da Mariña lucense, de orixe medieval e de gran tradición pesqueira, onde se porán en escena tres pezas doutras tantas compañías: Amparo de Entremáns, MAPA de Colectivo Glovo e Con/Sin/In- Tacto, de iXa Universos de Movemento – Xián Martínez.

Son 30 as formacións −23 galegas e sete convidadas do resto de España, Francia e Portugal− que lle dan forma a esta iniciativa, a través da que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca compartir co público o gran momento creativo da danza en Galicia, ao tempo que se pon en valor o noso patrimonio cultural e paisaxístico.

Mañá en Palas de Rei
No caso da provincia de Lugo, Propulsa levará diferentes propostas coreográficas a sete destacadas localizacións durante o mes de xullo. Así, a seguinte parada será mañá sábado 3, ás 19,00 h., no Castelo de Pambre en Palas de Rei coas mesmas pezas que se poderán ver hoxe en Rinlo.

O día 9 (20,30 h.) será a quenda de Analepsis de Paula Quintas, Vertebrata de Alejandra Balboa e Canela de Laboratorio Escénico, na praza Conde Fenosa de Portomarín; o día 10 (20,30 h.) a Cía IO representará catro[4”]segundos en Chantada; o día 11 (20,30 h.) o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) acollerá as pezas Miñaxoia de Clara Ferrão e Vertebrata de Alejandra Balboa; o día 16 (20,00 h.) bailarán na praza dos Escolapios de Monforte La Macana con Keep Going, Janet Novas con Feelings e São Castro & Antònio M Cabrita con Um solo para a sociedade, e o día 25 (20,00 h.) a praza dos Fornos da Pontenova será o escenario para Voo de Ánxela Blanco, Miñaxoia de Clara Ferrão, Intempestiva de Elahood, e Nexos de Cía. Exire.

Ademais deste programa, durante o verán de 2021 a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se suman á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecen a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as disciplinas artísticas e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

Exit mobile version