Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afea ao goberno local de Ribadeo que “esixa aos veciños limpeza cando eles non teñen unha programación seria”

Ribadeo, 13 de xullo de 2021. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo afea ao goberno local, “dirixido polo BNG, que esixa aos veciños limpeza cando eles non teñen unha programación seria”. Así o indica a edil Elena Sierra logo das declaracións realizadas polo alcalde nacionalista a este respecto.

Os populares argumentan a súa valoración tomando como referencia a situación de abandono na que se atopa a área recreativa de Ove. Malia ser adecentada recentemente co obradoiro de emprego da Xunta de Galicia, na actualidade presenta claras deficiencias de mantemento. “Está sen desbrozar e cun equipamento do parque roto. E, claro, se os espazos non se manteñen pasa isto”, advirte Sierra.

A edil afirma, ademais, que “esta é a nota predominante na vila e nas parroquias, así como nos parques e nos xardíns”. É por este motivo polo que a vicevoceira do Grupo Municipal Popular se manifesta tan crítica coas palabras do rexedor. “O Sr. Suárez atrévese a chamarnos sucios aos ribadenses cando son eles os que teñen todo abandonado, cuns colectores de lixo sucios e un olor que, precisamente, non é a rosas. Non nos insulten e traballen”, sinala, ao tempo que reclama “unha programación de limpeza tanto do noso patrimonio como das zonas verdes”.

Exit mobile version