Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo propón que o Concello pida axudas da Xunta para o vehículo da Policía Local e que arranxe o acceso á praia do Cargadeiro

Ribadeo, a 29 de xullo de 2021. O Grupo Municipal Popular de Ribadeo defendeu na sesión plenaria da corporación celebrada este mércores diversas iniciativas de interese para Ribadeo e os ribadenses. É o caso da proposta para que o goberno local solicite á Xunta a axuda para adquirir vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de Policía Local que permitiría aforrar diñeiro das arcas municipais. Igualmente, a través dunha moción de urxencia, os populares instaban ao Concello a acondicionar o acceso á praia do Cargadeiro e arranxar o cantil onde se producen desprendementos. A este respecto, o voceiro, Daniel Vega, lamenta que “o BNG vote contra a urxencia de mellorar a seguridade deste areal agora no verán que é cando rexistra maior afluencia de xente”.

Co obxectivo de “garantir a seguridade das persoas usuarias da praia do Cargadeiro, presentamos unha moción pola vía da urxencia para instar ao goberno do BNG a acondicionar o acceso á praia do Cargadeiro e arranxar o cantil onde se rexistran derrubamentos”. A iniciativa popular chega despois de que “os propios veciños lle trasladasen esta necesidade ao goberno local que rexeitou actuar botando balóns fóra e sinalando a Costas como organismo competente. Pero esta escusa non nos serve porque as competencias son do Concello segundo recolle o Real Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Reglamento General de Costas”, indica.

O goberno local actúa despois de que o Grupo Municipal Popular propoña
Vega considera “chocante” que “o goberno local do BNG leve dous anos parado a pesar de saber o problema da falta dun coche para a Policía Local e que se acorde de actuar agora, cando o Grupo Municipal do PP presenta unha moción ao respecto”. Concretamente, a través da moción os populares propoñían mellorar a dotación da Policía Local (en equipamento, novas tecnoloxías e vehículos) para que poidan levar a cabo as funcións que lles competen con rapidez e calidade.

“Estamos de acordo en dotar de medios á nosa Policía Local; pero lamentamos a tardanza do goberno local, que demostra así o pouco que lle importa a seguridade dos veciños”, engade. Ademais, “non entendemos por que non se aproveita unha axuda da Xunta que aforraría os cartos que anunciaron para a adquisición dun vehículo”.

Rogos e preguntas
Os concelleiros populares puxeron enriba da mesa outros temas que lles preocupan aos veciños. Así, defenderon que “o Concello achegue igualmente as subvencións ás asociacións do rural e da vila, aínda que non desenvolvan as actividades habituais ou non se celebren as festas parroquiais”. Defenden, nese sentido, que as poidan dirixir a “acometer obras ou desenvolver outras actividades”, segundo manifestou a concelleira Begoña Sanjurjo. Pero, o certo é que “o goberno local continúa a manter sen actividade as escolas rurais, a pesar de que el mesmo organiza outras na vila”, lamenta.

Sanjurjo preguntou pola conservación e posta en valor do Forte de San Damián onde considera que se debería desenvolver certa actividade cultural. Do mesmo xeito, interesarase por coñecer que pretende facer o goberno local para conservar a antiga imprenta doada por La Comarca e Riberas del Eo.

A vicevoceira, Elena Sierra, preguntou polo lavado e limpeza dos contedores de vila e do rural; o baldeado das rúas; ou o equipamento do parque que segue sen arranxar a pesar de debater o asunto varias veces en Pleno. Tamén se interesou por coñecer se o goberno local do BNG ten previsto actuar no refuxio de pescadores, na Casa da Ría e no auditorio despois da situación de abandono que teñen denunciado nos últimos días. Tamén dará traslado ante o Pleno da necesidade de colocar unha rede na pista polideportiva de Ove “para evitar que os balóns saian ao exterior e provoquen danos nas vivendas próximas”.

Exit mobile version