Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro apoia as reivindicacións dos veciños de A Furadiña-As Nogueiras e esixe ao goberno local que ordene rozar as beiras da estrada

Viveiro, 20 de xullo de 2021. Mentres a Administración insta aos propietarios de terreos a rozalos e mantelos nas debidas condicións de ornato e hixiene, a propia Administración, con frecuencia, esquece as súas obrigas e ten as súas estradas sen rozar e cheas de maleza. Iso é o que ocorre no concello de Viveiro, e unha proba diso é como están as beiras da estrada municipal en A Furadiña ( As Nogueiras). O PP faise eco das queixas dos veciños e reclama do goberno municipal que dea as ordes oportunas para executar o rozado das beiras de dita vía e o podado das árbores que dificultan o paso de furgonetas e camións.

O portavoz do grupo municipal do PP, Óscar Rodríguez, di que camiñar pola estrada en A Furadiña constitúe un verdadeiro risco. Á falta de beirarrúas súmase agora a existencia de gran cantidade de maleza nas beiras, polo que os peóns teñen que camiñar case polo medio da calzada, con risco para a súa integridade física.

Nun tramo da estrada hai árbores a cada lado. Rodríguez sinala que fai tempo que non foron podadas e, debido a elo, hai algunhas polas moi baixas, nas que rozan as furgonetas e os camións, ata o punto de que parece que hai servizos que prefiren non ter que circular por ese punto.

O portavoz municipal, tras escoitar as queixas dos veciños, sinala: “É inadmisible o abandono ao que somete o Concello de Viveiro a esta parte da cidade. Algo tan sinxelo como rozar as beiras da estrada, está sen facer pasado mediados de xullo. É hora de que o goberno municipal se poña as pilas e dea as ordenes oportunas para solucionar este problema. Xa é tempo de que a alcaldesa e o seu equipo saían da zona de confort e se poñan a traballar”.

Exit mobile version