Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro cualifica de “inadmisible que a alcaldesa se negue por segunda vez a firmar o convenio con Portos para a cesión gratuíta ao Concello do peirao vello”

Viveiro, 12 de xullo de 2021. Viveiro acusa claramente a falta de xestión do goberno municipal. É fácil, di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, comprobar por un mesmo as consecuencias desa falta de xestión. No pasado pleno, o goberno local deu -sinala o portavoz popular- unha mostra máis da súa nula disposición para aproveitar as circunstancias favorables para a cidade, e votou en contra da moción do PP para solicitar a Portos á cesión ao Concello dos terreos do peirao vello, que inclúen os da zona posterior da estación de buses. Rodríguez di: “Sorprendente, pero así foi; os concelleiros socialistas dixeron non a unha proposta que para que se materialice unicamente é necesaria vontade por parte do Concello, que ganaría unha ampla superficie no ámbito urbano; é inadmisible esta postura do goberno local”. Pese á oposición do goberno local, a moción do grupo do PP saíu adiante.

O portavoz dos populares de Viveiro di que o PP fai oposición en positivo e defende as que considera mellores iniciativas para a cidade, polo que non entende que o goberno local, por puro interese político, intente frealas, como é o caso da proposta para solicitar a Portos a cesión do peirao vello. Rodríguez destaca: “É máis, se no primeiro momento se falaba de renovacións anuais, na máis recente proposta enviada ao Concello por Portos establécese por catro anos, con posibilidade de prórroga por outros catro”. O Concello unicamente se ten que comprometer a manter este amplo espazo urbano en boas condicións.

Os populares sinalan que se non se firma o convenio, o goberno local incorrerá en grave responsabilidade, segundo Rodríguez, que avisa: “O Concello está a facer uso gratuíto do aparcadoiro portuario e, se non se firma o acordo, podería darse a circunstancia da explotación do peirao vello como zona regulada e a cidade podería verse privada deste espazo para uso público”. Rodríguez destaca tamén que Portos sacrifica a explotación económica deste amplo espazo a favor da poboación de Viveiro.

Exit mobile version