Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG apoia demandar ao Goberno central a intervención pública de factoría de Alcoa en San Cibrao

Santiago, 14 de xullo de 2021. O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a intervención pública da factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria e a través da SEPI, coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable.

A viceportavoz popular, Elena Candia, manifestou que “os traballadores están cansos de debates políticos estériles e queren feitos”, polo que insistimos que “se cumpran os acordos acadados para que a SEPI actúe de intermediario na venta de Alcoa”.

EMPRESAS INTERESADAS

“Necesitábamos un marco lexislativo estable que garantira un prezo da enerxía competitivo”, lembrou a viceportavoz popular, quen lamentou que “o que pasou coa aprobación do estatuto electrointesivo foi un insulto á democracia e á intelixencia da xente, e causou uns prexuízos que nos levou á situación actual que vive Alcoa”.

Elena Candia afirmou que “existen empresas interesadas” en facerse con Alcoa, polo que indicou que “a solución é unha intervención provisional por parte da SEPI que non se acaba de confirmar”.

Para rematar, Candia cualificou de “inexplicable” a actitude dos socialistas galegos e, sobre todo, dos seus alcaldes na Mariña lucense, “que abandonaron a súa presenza nas accións de apoio aos traballadores de Alcoa”, polo que demandou que “volvan a implicarse no cumprimento dos compromisos por parte do Goberno central e utilicemos todos os mecanismos ao noso alcance”.

Exit mobile version