Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Ribadeo informan e asesoran aos autónomos das novas axudas que ofrece a Xunta para financiación e mellorar instalacións

Ribadeo, 4 de xullo de 2021. Os autónomos son unha parte esencial do tecido económico. A crise provocada pola pandemia obrigou a moitos a pechar os seus negocios e outros viron extraordinariamente minguados os seus ingresos. É necesario que a Administración estableza liñas de axudas. A Xunta ofrece préstamos para a mellora de instalacións e da financiación. O portavoz do grupo municipal popular, Daniel Vega, sinala: “Seguimos informando e colaborando con todo o noso tecido económico local. Nestes momentos estamos informando a moitos autónomos das novas axudas que ofrece a Xunta de Galicia, concretamente préstamos para mellorar instalacións e mellorar a súa financiación”.

Vega explica: “A Xunta de Galicia foi a única Administración aquí en Ribadeo en poñer orzamento para rescatar a moitas persoas que pecharon os seus negocios ou viron minguados os seus ingresos. O primeiro plan de rescate foi de 144.000 euros; o segundo, de 368.700 euros. E tamén estivemos axudando a moitos a mellorar as súas instalacións: no caso das terrazas, 184.830 euros”.

Segundo o portavoz do grupo municipal popular “se sumamos todas as axudas, estamos inxectando un orzamento para Ribadeo de 697.530 euros”. Engade: “Nós estamos axudando, queremos ser parte da solución, colaborar con todos e seguimos agardando a que o goberno do BNG empece a poñer axudas directas a todo o noso tecido económico. Xa sabemos que a resposta vai ser que non, pero nós imos seguir reivindicando que hai que colaborar economicamente, pero tamén informando e asesorando a todos os autónomos, que son os que levantan día a día ao noso pobo”.

Exit mobile version