Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro solicita unha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente para arranxar a problemática do lobo no municipio

Viveiro, 17 de agosto de 2021. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, vén de solicitar unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, co obxectivo de tratar a problemática do lobo que está a afectar ao municipio.

Dende o Concello de Viveiro explican a problemática situación que acontece dende hai meses e que se está agravando dende hai un tempo derivada dos animais que aparecen atacados polo lobo, como ovellas, vacas ou cans, e outros que desaparecen. Unha situación que afecta á provincia de Lugo, e concretamente, entre outros, ao Concello de Viveiro.

Ante esta situación, representantes de varios concellos da Mariña de Lugo e do Concello de Muras mantiveron unha reunión na que decidiron enviar un escrito, asinado por todos á Consellería de Medio Ambiente, así como ao Ministerio. Porén, a día de hoxe, aínda non se recibiu resposta.

Nos últimos tempos a situación empeorou, ademais de sucederse os ataques no rural, cada vez estanse incrementando máis na zona urbana, con proximidade ás vivendas, co perigo que esta situación pode implicar non só para os animais domésticos senón tamén para as persoas.

O Concello de Viveiro, dada a preocupación e inquietude por parte dos veciños, considera necesario facer unha valoración da situación. Deste modo, a alcaldesa de Viveiro remitiulle unha carta á responsable autonómica de Medio Ambiente na que explica a problemática do lobo e pedíndolle unha reunión á maior brevidade posible.

Exit mobile version