Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acometerá obras de mellora do firme na estrada LU-163, ao paso polo concello do Valadouro

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de mellora do firme na estrada LU-163, ao seu paso polo concello do Valadouro.

A intervención, adxudicada á empresa CONSTRUCCIONES ISIDRO OTERO SL por un importe de máis de 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e terá un prazo de 2 meses.

Trátase da rehabilitación do pavimento da estrada LU-163 en toda a súa lonxitude, desde o punto quilométrico 0+000 ao 1+830. A estrada LU-163 iníciase na LU-161, no núcleo urbano de Ferreira do Valadouro e finaliza na LU-162, en Budián.

Para resolver as carencias na capa de rodadura, realizarase unha repavimentación da calzada en toda a súa superficie, mediante un microaglomerado en frío para mellorar a súa adherencia e prolongar así a durabilidade do firme.

De forma previa á repavimentación, executarase unha limpeza e reperfilado das marxes da vía, con reapertura de cunetas e regularización superficial onde sexa necesario polo estado actual do firme.

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Exit mobile version