Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca a importancia de realizar actividades de ocio seguro para a mocidade como as que se realizan no campamento xuvenil da Devesa

Ribadeo, 4 de agosto de 2021. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá o campamento xuvenil A Devesa, na súa penúltima quenda que rematará o próximo sábado deste mes. Nesta programación enmarcada na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, O Verán Que Mereces, as actividades céntranse no medio ambiente e no mar.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado durante a visita destacou a enorme importancia que teñen estas actividades para a mocidade galega, coas que se pretende fomentar o lecer educativo saudable e seguro durante a temporada estival e a súa vez mostrar o respecto que a natureza merece e precisa.

No campamento Multiaventura da Devesa, lévanse a cabo obradoiros de reciclaxe para a conservación do medio, aula de fauna e flora mariña, surf, bodyboard, escalada en rocódromo, tiro con arco, xincanas acuáticas, concursos de talentos, entre outras actividades.

Este campamento dividiuse en sete quendas que ofreceu ata 368 prazas. Agora está tendo lugar a que comezou o pasado 29 de xullo e que rematará o 7 de agosto e que estará seguida da última, do 12 ao 21 de agosto.

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo e deputado autonómico, Daniel Vega, explica que “é un pracer acoller en Ribadeo a tantos nenos e nenas de toda Galicia que participan no campamento multiaventura que organiza a Xunta nas instalacións da Devesa, que foron melloradas recentemente”.

Así o manifestou tras comprobar in situ, xunto á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, as actividades que desenvolven durante a súa estancia en Ribadeo: surf, escalada en rocódromo, tiro con arco ou xincanas acuáticas.

Vega sinalou tamén que “trala celebración dos campamentos xuvenís de verán, estas instalacións de titularidade autonómica quedarán abertas tanto aos colectivos deportivos e culturais coma aos centros educativos interesados en desenvolver actividades”.

Exit mobile version