Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de medio millón de euros a financiar unha ducia de obras de abastecemento e saneamento na Mariña

Lugo, 9 de agosto de 2021. A Xunta de Galicia destina 486.600 euros a financiar 12 obras de abastecemento e saneamento na Mariña. O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de ampliar o orzamento desta liña de axudas, o que na comarca supuxo duplicar o investimento inicial e pasar de cinco a nove concellos beneficiados.

Arias subliñou que esta iniciativa está dirixida aos concellos de menos de 5.000 habitantes, e “significa un importante apoio para os municipios máis pequenos, para estender e mellorar os servizos básicos de auga no rural”.

En concreto, na Mariña outorgáronse achegas aos concellos Alfoz, Barreiros, Cervo, Lourenzá, Ourol, A Pontenova, O Valadouro, O Vicedo e Xove. En conxunto, fináncianse oito actuacións para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal, e as outras catro axudas van destinadas á modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas neste eido.

O límite máximo das achegas é de 50.000 euros por actuación, sendo compatibles ambas liñas. De feito, na comarca obtiveron apoios para executar dúas obras -unha en cada apartado- os concellos de Cervo, A Pontenova e Xove.

No conxunto da provincia achéganse 2.124.500 euros para 52 obras en 37 municipios. E no que respecta a Galicia, Augas de Galicia destina preto de 9 millóns de euros a 217 actuacións en 152 municipios.

Os incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.
Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Exit mobile version