Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ensalza en Ribadeo o deporte como un motor de cambio para acadar a igualdade real

Ribadeo, 14 de agosto de 2021. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, estivo presente hoxe en Ribadeo na entrega do trofeo Emma Cuervo que celebra este ano a súa 70ª edición e inclúe, por vez primeira, un título futbolístico en categoría feminina.

O deporte, tal e como explicou López Abella, é un piar fundamental na construción dunha sociedade máis equitativa e igualitaria e é, por esta razón, un dos eixos de actuación da Consellería de Emprego e Igualdade mediante axudas como o acordo de colaboración que manteñen a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, asinado o pasado mes de maio, e que conta cun investimento de 500.000 euros.

Así mesmo, o Goberno galego é consciente do acceso que a través do deporte se fai cara as dinámicas culturais e sociais da Comunidade, polo que supón unha ferramenta de cambio indispensable e transversal mediante a cal chegar aos máis mozos e mozas. Neste afán impúlsase a campaña Coñecendo as nosas deportistas, que propón actividades, entrevistas e vídeos co obxectivo de coñecer a vida e opinión de mulleres referentes en distintas modalidades deportivas e visibilizar así a situación da muller no deporte e o rol das deportistas galegas no traballo pola igualdade entre mulleres e homes en todos os campos, para eliminar estereotipos e discriminacións na sociedade.

O Goberno galego valora deste xeito o espírito deportivo como impulsor de valores como a democracia, a participación, a cooperación e traballo en equipo e, cun especial énfase, no esforzo pola igualdade real.

Exit mobile version