Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inicia obras de mellora nos 5 km da estrada LU-741, entre o núcleo urbano da Pontenova e Aldeguer

A Pontenova, 3 de agosto de 2021. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá comezo ás obras de mellora da estrada LU-741, que conecta o núcleo urbano da Pontenova e o de Aldeguer, no mesmo municipio; o investimento ascende a 334.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se actúa sobre a totalidade da estrada, de 5,1 quilómetros, incluíndo a travesía da capitalidade. As obras executaranse no prazo aproximado dun mes; durante a primeira quincena será necesario cortar o tráfico para acometer os labores de aglomerado e posteriormente realizaranse desvíos puntuais, en todos os casos debidamente sinalizados.

Na área urbana e durante os primeiros 500 metros aplicaranse fresados localizados en rodeiras e reposición con mestura bituminosa en quente, cun espesor de 5 centímetros, nos puntos nos que se constatou a presenza de fisuras localizadas e zonas deformadas. A actuación terá o ancho do carril completo.

No resto da vía estenderase unha capa de regularización nos treitos nos que sexa preciso, para realizar a continuación o reforzo do firme cunha capa de rodaxe similar, con mestura bituminosa en quente de 5 centímetros.

A intervención completarase con outras actuacións de mellora da seguridade viaria, como o repintado da sinalización horizontal e a limpeza de gabias, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios.

Exit mobile version