Site icon Crónica3.com A Mariña

“Adrián Ben Montenegro”, por Míriam Bermúdez

Acabamos de vivir unha situación excepcional no noso concello coa participación de Adrián Ben nos Xogos Olímpicos Tokio 2021, logrando ser o quinto atleta do planeta nun 800m. Ante un evento tan extraordinario e que supuxo un grande esforzo para o noso deportista local, desde o BNG apoiamos outorgar o título de fillo predilecto de Viveiro a Adrián Ben Montenegro, mais preguntámonos se isto é todo o que pode facer o Concello de Viveiro.

O mellor mediofondista da historia de Galiza (e ao mellor quédome curta), tivo que desprazarse a Lugo 2 días a semana durante anos para poder adestrar ante a inexistencia de instalacións en Viveiro. Desperdiciouse unha oportunidade única de apoiar aos deportistas locais, de fomentar o deporte ou de impulsar escolas de atletismo para as nosas crianzas. A “tendencia Adrián Ben” medrou como a escuma facendo que os nosos nenos e nenas visen nun atleta o seu reflexo, algo que até o de agora só pasaba co fútbol.

Concellos da Mariña xa comezaron a realizar trámites para a creación de pistas de atletismo, mais en Viveiro dende o ano 2013 no que se investiron 110.000 € do fondo de compensación ambiental para a creación da base dunhas “futuras” pistas de atletismo, nada máis se ten feito. Mentres tanto polo de agora só se utiliza este espazo con outros fins ben distintos.

Os parabéns e actos protocolarios de salón están moi ben, pero a verdadeira homenaxe sería que se atendese á súa demanda de conquerir unhas instalacións axeitadas e dignas que permitisen adestrar e practicar o atletismo á veciñanza de Viveiro e da comarca.

E ante esta situación hai unha pregunta que sobrevoa a veciñanza de Viveiro: que fixo nestes oito anos o equipo de goberno de María Loureiro para conquerir a construcción das pistas de atletismo nas inmediacións de Lavandeiras?

Exit mobile version