Site icon Crónica3.com A Mariña

“Bravas”, con Isabel Risco, chega este venres a Cervo

Lugo 24 de agosto. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva a Cervo o espectáculo “Bravas”, unha montaxe cómica e comprometida protagonizada por Isabel Risco que mergulla ao público na historia desde unha perspectiva feminista, destacando feitos relevantes que lideraron mulleres.

Baixo a premisa “A nosa historia con saias e a rachar”, a montaxe, dirixida por Fran Rei, reivindica e visibiliza personaxes femininas da historia e a mitoloxía de Galiza –María Soliña ou María Castaña- pero tamén mulleres anónimas que se involucraron en movementos e loitas sociais como as cigarreiras da Coruña que levaron a cabo a primeira folga feminina en 1831.

A actuación, organizada pola área de Cultura coa colaboración da Asociación Fervenza de Sargadelos, será o venres, 27 de agosto, ás 21:30 na Praza do Souto, con entrada libre e gratuíta ao recinto habilitado.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, convidou a “desfrutar do espectáculo que mestura humor e compromiso, dando visibilidade a referentes femininos na historia e na loita polos cambios sociais” e agradeceu “a colaboración do tecido asociativo na organización das actividades que se desenvolven desde a área de Cultura”

Cervo é a terceira parada desta xira promovida pola área de Cultura, tras as actuacións en Meira e O Corgo. Nas próximas semanas, a actriz coruñesa estará en Antas de Ulla, Cervantes e Xermade

Exit mobile version