Site icon Crónica3.com A Mariña

Dobre cita coa literatura erótica na Mariña

A Mariña, 18 de agosto, 2021. Na próxima fin de semana terá lugar unha pequena xira de presentación dos dous libros premiados  no Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2020: O cuarto de Jane, de Charo Pita e  rascamasseiras, de Laura R. Cuba.

O primeiro destes actos terá lugar o venres 20 ás 20h no marco da Feira do libro de Foz. O segundo, o sábado 21 ás 12:30 no Lugar das Marías, en Xove.

As autoras

Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral naceu na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a  contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía  Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co  libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.

Laura R.Cuba naceu en Burela en 1993. É graduada en xornalismo e comunicación audiovisual e  ten colaborado en diversos medios do país. Foi coordinadora do Portal Galego da Lingua e  voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. Foi bolseira de comunicación no Parlamento  de Galicia e, a partir de setembro, iniciará unha nova andaina profesional como docente no ensino secundario ao conseguir superar a oposición celebrada no pasado mes de xullo. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro a situación  actual.

Os libros

Segundo consta na acta do xuri do certame, O cuarto de Jane, é un libro “transgresor”, que  “destaca pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen  complexos, libre”. Trátase dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo,  protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”. Pola súa banda, a obra rascamasseiras é, sempre segundo a acta do xuri, “un relato profundamente  lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o  coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.

O Certame

O certame de poesía erótica Illas Sisargas convócao anualmente a Asociación Caldeirón, de  Malpica, co apoio do Concello de Malpica. Foi creado polos poetas Paco Souto e Paco de Tano e a  de 2020 foi a súa décimo-quinta edición. Nestes anos, ten o orgullo de contar entre os autores e  autoras gañadoras con algúns nomes de grande relevancia na literatura galega actual como poden  ser o de Mario Regueira, Medos Romero, Elvira Ribeiro, Antonio García Teijeiro, Andrea Nunes  Brións, Eli Ríos, Lino Braxe, Eduardo Estévez ou Xavier Queipo.

Os libros están editados por Editorial Caldeirón.

Exit mobile version