Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves terán lugar os procesos de selección das persoas que participarán no obradoiro Territorio VIVO dos Concellos de Barreiros e Ribadeo

Ribadeo, 2 de agosto de 2021. O 5 de agosto terán lugar os procesos de selección das persoas alumnas e traballadoras que participarán no obradoiro Territorio VIVO dos Concellos de Barreiros e de Ribadeo.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “está aberto o proceso de selección para o novo obradoiro de emprego dirixido a persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Este novo obradoiro levarase a cabo en colaboración co Concello de Barreiros, a través dunha subvención procedente da Consellería de Emprego e Igualdade. Este novo proxecto, denominado Territorio VIVO, pretende poñer en valor o patrimonio natural e histórico que ámbolos dous concellos posúen, establecendo actividades que busquen a súa protección e difusión, fomentando así a súa perdurabilidade no tempo. Do mesmo xeito preténdese crear na cidadanía a sensibilización por protexer o legado histórico e natural que lles é máis próximo”.

O edil ribadense lembrou que “as actuacións que se levarán a cabo no eido da educación e interpretación ambiental son, entre outras, a análise do territorio dende un punto de vista natural, a creación dun centro de interpretación virtual do patrimonio natural, a realización de visitas guiadas interpretadas aos espazos rurais e naturais, a realización de talleres de educación ambiental, a creación de xeorutas e a unión dos concellos de Ribadeo e Barreiros a través dunha ruta”.

Vizoso Galdo indicou que “no ámbito de arquivos e dixitalización, o traballo centrarase principalmente na organización da documentación dos arquivos municipais, na creación dunha ferramenta de busca avanzada, a realización de exposicións coa documentación máis relevante, e a indización e elaboración dun tesauro dos libros de actas do concello, consistente na tradución dos documentos escritos en castelán antigo”.

O responsable da Área de Desenvolvemento Local explicou que “os procesos de selección das persoas alumnas-traballadoras dos Concellos de Ribadeo e Barreiros desenvolveranse o 6 de agosto. Os requisitos para poder participar neste obradoiro de emprego son ter ata 30 anos de idade, atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, estar en situación de desemprego e solicitar a participación neste programa a través da Oficina de Emprego”.

E engadiu: “no caso do certificado de profesionalidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos non é preciso contar con ningún nivel mínimo de formación. En cambio para o certificado de Interpretación e educación medioambiental, ao tratarse dun nivel 3 requírese unha formación mínima de Bacharelato, Ciclo Medio ou Superior ou equivalentes”.

Exit mobile version