Site icon Crónica3.com A Mariña

Efrén Castro participou na inauguración da Feira do Libro de Viveiro

Lugo, 13 de agosto de 2021. O deputado Efrén Castro participou esta mañá na inauguración da Feira do Libro de Viveiro, organizada pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Viveiro.

Na súa intervención, nos Xardíns de Noriega Varela, o responsable provincial valorou “a iniciativa de sacar os libros á rúa” e animou á veciñanza e ás persoas visitantes a “aproveitar a oportunidade para mercar libros e coñecer aos autores e autoras que presentarán as súas obras na feira durante a fin de semana”.

Lembrando a presenza en Viveiro da exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, instalada nos xardíns Noriega Varela, tamén convidou “á lectura en galego

Caseta do Servizo de Publicacións

O Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo conta coa súa propia caseta na feira, na que participan as librarías Pedreira, Cortizas, Porta da Vila e Aenea, ademais do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e a Editorial Planeta.

O posto é un escaparate para as publicacións que edita o servizo, centradas en temas de interese provincial que pasan esencialmente pola historia, a xeografía, a etnografía, a arte, os estudos literarios, a arqueoloxía, o turismo, o patrimonio cultural material e inmaterial e a divulgación das actividades e estudos xerados polos centros culturais da institución como os museos provinciais.

Un dos últimos títulos editados por este servizo da área de Cultura é o libro cómic “Viveiro 1810, augas mortais”, obra do debuxante Primitivo Marcos, que aborda a través da ilustración o naufraxio da fragata Magdalena na Ría de Viveiro.

O seu autor asinará exemplares da obra o sábado, ás 20.00 horas, acompañado do cronista oficial de Viveiro Carlos Nuevo Cal.

Colaboración coa Federación de Librarías

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coas distintas iniciativas de promoción do libro e da lectura que a Federación de Libraría organiza na provincia, cunha achega de 3.000 euros. Á cita en Viveiro, seguirán durante este mes de agosto, a de Foz, do 19 ao 22 de agosto, e a de Monforte de Lemos, do 25 ao 28.

Exit mobile version