Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural da Deputación equipa cinco vivendas rehabilitadas na Pastoriza para unha bolsa de alugueiro público

Lugo 6 de agosto. A área de Medio Rural da Deputación de Lugo colaborou no acondicionamento das vivendas habilitadas polo Concello da Pastoriza nas antigas escolas unitiarias de Crecente, Álvare e Bretoña.

Concretamente, a área dirixida por Mónica Freire financiou o equipamento de cinco das seis vivendas reformadas, co obxectivo de crear unha bolsa municipal para alugueiro.

A través dun convenio co Concello, a institución provincial financiou a compra de mobiliario e electrodomésticos para as cociñas -armarios, placas vitrocerámicas, frigoríficos e fornos- e a instalación de estufas de pellets.

A achega de Medio Rural permitiu concluír os traballos de rehabilitación e acondicionamento das antigas escolas, un proxecto impulsado desde a Tenencia de Alcaldía do Concello que busca facilitar o acceso á vivenda a prezos asequibles.

Mónica Freire sinalou que “o obxectivo último das accións desenvolvidas desde a nosa área é a fixación de poboación no rural. Apostamos por iniciativas tanxibles, que respondan a necesidades e demandas concretas. Cremos que este proxecto impulsado desde a tenencía de alcaldía da Pastoriza é exemplar nese sentido, xa que ofrece alternativas para que as persoas poidan asentarse no rural, neste caso nun municipio cun sector primario moi dinámico, que xenera emprego”.

A deputada nacionalista incidiu tamén “en que se trata dunha iniciativa que entende a vivenda como un dereito fundamental e que pón en valor un patrimonio público como son as escolas unitarias”.

A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carrera, constatou que “no concello hai unha demanda importante de vivenda, tanto por parte de veciños e veciños que queren independizarse como de persoas que veñen a traballar ás granxas, que teñen dificultades para atopar onde vivir” e adiantou que “están a traballar nunha ordenanza municipal para regular os prezos e os criterios de acceso ás vivendas”.

O Concello dispón dun total de seis vivendas publicas para alugueiro, reformadas e acondicionadas en distintas fases, en Crecente, Álvare e Bretoña, tres das parroquias que concentran gran parte da activdidade gandeira do municipio, o segundo de Galiza en produción leiteira.

Exit mobile version