Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro critica o estado tralo derrube no Camiño Vello que une o lugar de Loureiros co de Abuín na parroquia de Boimente

Viveiro, 8 de agosto, 2021. Tras o rogo levado a pleno polo BNG o pasado 4 de agosto sobre o derrube no Camiño Vello que une o lugar de Loureiros co de Abuín na parroquia de Boimente o equipo de María Loureiro non ve que haxa perigo algún, non tendo visión do perigo que poden acarrear as árbores que se manteñen en suspensión na arribada agardando por un desenlace que pode ser fatal e para lamentarse logo. Tampouco pareceu importarlles a obstrución que este derrube xera para a libre circulación das augas nos momentos da choiva e que están a deteriorar a estrada.

Pola súa parte, o concelleiro de obras do PSOE, Jesús Fernández Cal, defendeu a súa falta de implicación nas tarefas que lle corresponden chamando mentireira á concelleira do BNG, pois segundo el, non leva ano e medio este derrube sobre a estrada e afirma que está totalmente mantida polo Concello. Un desprecio e falta de respecto máis por parte do PSOE á nosa concelleira que cae por si só vendo o derrube onde xa naceron eucaliptos, pinos, toxos e outras herbas nel, deixando claro que ese desprendemento non se propiciou hai pouco.

O abandono desta parroquia por parte do equipo de goberno é cada vez máis notorio, téndose que botar os veciños e veciñas a facer labores que non lles competen para poder ter o lugar o máis seguro posible, xa que de non ser así as estradas non terían visibilidade en moitos dos seus puntos. Míriam Bermúdez volveu insistir en pleno na necesidade de que o PSOE de María Loureiro cambie de rumbo e rectifiquen a súa postura contraria a desenvolver o Plan de Mellora de Estradas Municipais que lle propuxo o BNG xa en decembro de 2019, pois “está claro de que a súa folla de ruta non funciona”, finalizou a concelleira do bloque.

Exit mobile version