Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón unha empresa galega de enerxía, unha tarifa eléctrica galega e novos criterios para fixar os prezos da luz e os beneficios

Santiago de Compostela, 11 de agosto, 2021. Ante situación xerada pola fixación de prezos da electricidade, o BNG propón crear “unha empresa galega de enerxía e unha tarifa eléctrica galega”.

O deputado do BNG, Ramón Fernández Afonzo lembra que estas propostas xa foron formuladas en diversas ocasións pero o Partido popular votou sistematicamente en contra. Agora, explica, atopámonos cun sistema de fixación de prezos que é o resultado do “enxendro” criado polos goberno do Partido popular no Estado e propiciado pola reforma enerxética do ministro popular, José Manuel Soria.

Mon Fernández recalca que é posible crear unha empresa galega da enerxía e establecer unha tarifa eléctrica galega porque existen “exemplos de empresas públicas de enerxía en Europa como Enel, propietaria de ENDESA, pero tamén a principal produtora de enerxía hidráulica de EUROPA, STATKRAF, propiedade 100% do estado noruegués”.

Para o nacionalista urxe modificar a regulación do sector, pero tamén precisamos introducir “un operador público”, que traballe con outros criterios que non sexan en exclusiva para beneficio empresarial, senón que atenda a compoñente esencial e social deste sector. “Outros criterios á hora de promover proxectos de xeración de enerxía, outros criterios á hora de fixar os prezos, e outros criterios á hora de repartir beneficios da actividade”, reitera, Mon Fernández.

Por outra parte, o deputado do BNG explica que Galiza produce o 25% da enerxía hidráulica do Estado español durante os últimos 10 anos. Unha potencialidade que xera riqueza e que debe ser aproveitada en beneficio de todos os galegos e galegos e non para “subir o prezo da enerxía e engordar as contas das grandes corporacións eléctricas”. Porque o prezo dun MW a 110 euros, cun coste de produción de 5€, supón “un beneficio do 2.200% e con todo xa vendido de antemán”.

A situación actual do prezo da enerxía é o resultado dun sistema de fixación de prezos, que consiste nunha poxa na que as empresas, libremente, poden determinar o prezo da enerxía que van colocar no mercado ao día seguinte.

Neste contexto, o prezo das emisións de CO2 está afectando á alza, igual que o prezo do gas, mais durante estes meses, en moitos momentos, a oferta máis cara da poxa, a oferta que marca o prezo da enerxía para todos e todas, “é o prezo das hidráulicas”, unha enerxía con menores custos de produción. Entón por que está tirando do prezo? simplemente porque poden, remarca o nacionalista.

“O que está a pasando coa enerxía exemplifica á perfección o que pasa cando se deixa ao mercado determinar o prezo de produtos básicos. A procura de maximizar beneficios das empresas leva os prezos a máximos e moi por riba dos custes reais de produción”.

Exit mobile version